A visita a Óbidos para coñecer o alcance da
experiencia pedagóxica de carácter socioeducativo que alí se está a desenvolver,
a carón das achegas do proxecto de Reggio Emilia, supuxo o final de etapa para
unha viaxe deseñada con moita ilusión desde hai varios meses. Eramos sabedor@s
de que un proxecto destas características podía levar emparelladas
dificultades, sobre todo pola falta de definición que para o mesmo existe na
estrutura administrativa na que o noso centro se atopa enmarcada nestes
momentos, aínda así, pensamos que o esforzo podía pagar a pena e nel puxemos
todo o noso tesón.
Desde que coñecemos a existencia do
proxectoque se está a desenvolver en Óbidos pareceunos que debíamos organizar
unha visita para coñecelo e poder presentalo no noso contorno. O feito de que, relativamente preto de nós, se estea
a desenvolver unha experiencia innovadora do primeiro nivel, na que se funden
educación, enfoque comunitario e creatividade, e que esta teña dado lugar a
unha rede de recursos socioeducativos que xa teñen demostrado o seu valor, é
algo que debe ser coñecido de primeira man para, de ser o caso, logo poder
difundilo coa esperanza de que axude a mover conciencias ou, cando menos, propiciar cuestionamentos e a mellora doutras prácticas.
Por outra banda, non é habitual realizar saídas
pedagóxicas deste tipo nas que un equipo de profesorado comparte tempo e vivencias a tempo completo arredor dun tema directamente
relacionado coa mellora das prácticas educativas. Abofé que é unha experiencia moi recomendábel que
debería ser potenciada.
Tres compañeir@s do Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Portovello saímos de Ourense o día 25 de febreiro ás 8:30 da mañá. Por diante
tiñamos 448 km e máis de 4 horas de percorrido que aproveitamos para intercambiar e
confrontar visións, converténdose a viaxe nunha experiencia enriquecedora en si mesma.
Unha vez chegad@s ao noso destino tivemos o tempo
xusto para instalármonos no hotel e xantar antes de acudir ao encontro con Ana
Sofía Godinho, coordinadora do Servizo de educación municipal de Óbidos e a
persoa coa que estableceramos o contacto para realizar esta visita. Comezaba
así a nosa aventura pedagóxica en Óbidos. De camiño para o Jardim de Infância
do Arelho, no que estaba previsto desenvolver a primeira fase da nosa estadía,
Ana Sofía infórmanos das particularidades da experiencia. O caso de Óbidos é
particular e único, trátase dun proxecto no que o Municipio se implica
activamente na creación dunha rede de escolas e servizos socioeducativos que,
desde un proxecto común, permita o desenvolvemento dunha experiencia educativa
de calidade na que o seu principal trazo de identidade é a creatividade.
A colaboración con Reggio Emilia, mediante distintos
programas europeos nos que veñen participado nos últimos anos, ten permitido a
creación de sinerxías e intercambios que se perciben claramente na idea e no
desenvolvemento do proxecto, mais cunha idea moi clara, Reggio Emilia só hai
unha e non se trata de imitala, senón de coñecela e enriquecerse a partir dese
coñecemento. Ao longo deste tempo distint@s profesionais de Óbidos viaxaron e
formáronse en Reggio ao tempo que recibiron visitas de outr@s profesionais da
cidade italiana.
Infórmanos asemade do importante investimento
realizado polo Municipio na creación de infraestruturas, construíndo novos
xardíns de infancia e complexos educativos nuns casos ou rehabilitando antigas
escolas para convertelas en xardíns de infancia. No momento da visita estanse rematando as obras de construción dun novo centro de ensino secundario. Os
investimentos superaron os corenta millóns de euros nos últimos anos. Con todo, o máis chamativo é que o
obxectivo político ía moito máis aló da construción de equipamentos modernos e
de calidade, complementándose coa contratación de persoal que puidese
complementar o traballo d@s mestr@s e educador@s, como son @s atelieristas, que
van permitir que nos centros educativos se poidan experimentar novas formas de
traballo e experimentación baseadas na creatividade.
Visita ao Jardim de Infância do Arelho
Xa no
Jardim de Infância do Arelho e feitas as presentacións das súas educadoras,
Fátima e Helena, tivemos ocasión de observar, sen ningún tipo de restrición, a
vida da escola, entrando e saíndo das aulas e falando coas crianzas e
educadoras sobre calquera cuestión que chamase a nosa atención.
O Jardim de Infância do Arelho é unha antiga escola
rehabilitada na que se poden escolarizar até 50 crianzas de 3 a 6 anos a cargo de dúas
educadoras que contan co apoio de persoal auxiliar. Asemade, o Jardim de Infância conta cun atelier e con servizo de comedor.
O espazo é
moi luminoso ao contar con amplas cristaleiras e no mesmo, desde o primeiro
momento, percíbese un ambiente de benestar e liberdade no que as crianzas
desenvolven actividades diferenciadas podendo transitar polos distintos lugares
da escola.
Nun espazo
central, entre as dúas aulas e diante dunha gran cristaleira, observad@s a
certa distancia por Fátima, a súa educadora, un grupo de nenas e nenos
experimenta sobre unha palestra de madeira con diferentes materiais (pequenas
pedras, cunchas de distintos tamaños, tacos de madeira, rollas, ...) que lles
permiten facer clasificacións, seriacións, construcións...,. Destaca o feito de
que a súa concentración non se ve alterada pola nosa presenza, continuando coas
súas interaccións entre el@s e sobre todo cos materiais. Un mostrador aberto
separa este espazo da sala das educadoras e enriba del atopamos unha pequena
publicación, titulada Claramente, na que se recolle a documentación de diversos
momentos vividos no xardín de infancia.
Nesta escola trabállase por proxectos e as paredes recollen as pegadas dos mesmos, destaca unha exposición de autorretratos realizados polas crianzas maiores sobre bandexas reutilizadas, o proxecto artístico está rematado e agora cada unha vai facendo
unha descrición de si mesma que é recollida polas educadoras e colocada coma se dun pé de foto se tratase.
Nas aulas
pode observarse algún elemento que nos conecta coas escolas de Reggio Emilia
(mesa de luz ou retroproxector), mais apréciase claramente que teñen personalidade
propia. As crianzas desenvolven diferentes actividades nun ambiente tranquilo e
sosegado que non lles impide responder a diferentes cuestións que poden ser
presentadas por nós ou por algunha das súas educadoras. Así, con toda a
naturalidade, explícannos algunhas das cuestións relativas a dous proxectos nos
que estiveron traballando nos últimos tempos: un sobre os peixes e outro sobre
o corpo humano. Aínda que, como é normal, se aprecian diferenzas entre a aula
das crianzas maiores e a das máis novas, a autonomía é un elemento común.
A dotación de recursos amosase equilibrada e non é unha excepción observar como cun chisco de creatividade, e reutilizando elementos, se poden buscar solucións para algúns problemas.
A dotación de recursos amosase equilibrada e non é unha excepción observar como cun chisco de creatividade, e reutilizando elementos, se poden buscar solucións para algúns problemas.
A última
parte da visita desenvólvese no atelier onde tres crianzas, unha delas
con necesidades específicas de apoio educativo, desenvolven o seu proxecto
acompañadas por Cristina (atelierista). Máis unha vez, podemos constatar a
autonomía e responsabilidade das crianzas que están completamente imbuídas na
súa tarefa, sen verse a mesma alterada pola nosa presenza. Apreciamos asemade a integración da crianza con dificultades.
O proxecto
no que están a traballar é o do esqueleto dos peixes e Cristina infórmanos de
que despois dunha fase de documentación e realización de bocetos, comezaron a
construción dun grande esqueleto que nestes momentos están a pintar. No atelier
trabállase sempre en pequenos grupos de xeito que as crianzas van rotando e,
durante cada xornada, se algunha se cansa e volta para a aula rapidamente é
substituída por outra.
Na sala
visualizamos distintos tipos de materiais, moitos deles de refugallo, que poderán
servir de base para os proxectos creativos, sempre que alguén lles atope unha
utilidade. Algúns son introducidos pola atelierista mentres que outros son aportados
polas propias familias. As paredes recollen a documentación dos procesos
vividos xunto con algúns dos bocetos do trabalo actual. Nun
recuncho, unha gran mesa de luz, protexida por unha mampara, está
servindo de base para un traballo de stop motion que se está a desenvolver nos
distintos centros da rede.
Reflexión conxunta
Unha vez
rematada a visita, despois de que as familias viñeron recoller ás crianzas,
situación na que puidemos observar como as mesmas entraban até as aulas, interaccionando
coas educadoras e observando as realizacións da xornada, comezamos a sesión de
reflexión prevista no programa na que estivemos acompañad@s por Ana Sofía Gordinho
(coordinadora do servizo de educación), Fátima e Helena (educadoras) e Cristina
(atelierista). A actividade resultou sumamente interesante ao permitírmonos
clarexar dúbidas e intercambiar opinións sobre o proxecto e a experiencia da
súa implantación. Puidemos aclarar que:
- O proxecto abrangue á educación preescolar e á educación básica, quedando fóra do mesmo as creches -equivalentes ao noso 0-3-, por non estar as mesmas encadradas nas competencias do Ministerio de Educación.
- Optouse por non integrar os Jardins de Infância nos Complexos escolares, mantendo así dun xeito máis nítido a identidade das crianzas das primeiras idades.
- As mestras e educadoras son persoal funcionario do Ministerio de educación, mentres que o persoal auxiliar e os atelieristas son persoal do Municipio.
- A colaboración con Reggio Emilia posibilita a formación das e dos profesionais. Todas as persoas que comparten mesa con nós estiveron na cidade italiana coñecendo a súa experiencia de primeira man. Os intercambios son continuos e en Óbidos xa se recibiu a visita dalgunha delegación de Reggio Emilia o que serve de base para confrontar ideas e ir perfeccionando o modelo.
- Desde o concello, a través do persoal técnico agrupado na Fábrica da Criatividade, lévase a cabo o acompañamento das e dos profesionais.
- Estase a traballar para favorecer a continuidade entre a educación inicial e a básica. Nese senso, xa no ano 2005, constituíuse un grupo de traballo para a creación dun Proxecto educativo comunitario no que se tivese en conta as transicións entre ciclos e etapas. Precisamente neste xardín de infancia levouse a cabo unha experiencia de acompañamento das crianzas por parte da mestra que logo ía traballar con elas no ano seguinte. Nestes momentos estase a producir unha reflexión xeral sobre a posibilidade de estender esa experiencia.
- O primeiro atelier comezou a funcionar no ano 2010. Desde entón, vaise facendo un seguimento das crianzas e xa se teñen percibido diferenzas entre as que participaron na experiencia e as que non.
- Máis aló do atelier, estanse levando a cabo experiencias colectivas ligadas coa creatividade como Óbidos Anima. Un conxunto de actividades relacionadas co cine de animación no que as crianzas participan, coas orientación do persoal técnico do Municipio, na creación de pequenas películas de animación, asumindo protagonismo nas diferentes fases do proceso: ilustración, fotografía e edición.
- Estase a traballar na implicación das familias. Polo momento van participando en todo o que se lles pide, mais aínda queda un certo camiño por andar até chegar a unha completa percepción da importancia do proxecto por parte das mesmas.
- Non existen tempos específicos para a coordinación entre atelieristas e demais profesionais educativos polo que os contactos son a nivel informal, mais aínda así son abundantes e frutíferos xa que se traballa a partir de proxectos compartidos.
Cans@s, despois da intensidade da primeira xornada, tivemos tempo para retirármonos ao hotel, repoñer forzas e logo gozar dun paseo polas rúas da vila mentres agardabamos pola hora da cea.
Pódense apreciar dun xeito máis pormenorizado algunhas características dos espazos na seguinte presentación:
Pódense apreciar dun xeito máis pormenorizado algunhas características dos espazos na seguinte presentación: