martes, 26 de maio de 2015

Inauguración da aula Recaredo Paz no CIFP Portovello de Ourense. Proxecto de humanización dos espazos do centro

O CIFP Portovello é o centro no que veño desenvolvendo o meu traballo ao longo dos últimos anos. Trátase dun centro integrado de Formación Profesional da cidade de Ourense no que se imparten tres familias profesionais: Administración e empresas, Comercio e márqueting e Servizos socioculturais e á comunidade. As particularidades do centro fan que as ensinanzas se repartan en dous edificios diferenciados. O edificio A, que alberga os estudos de Administración e os de Comercio e o Edificio B, que acolle á familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.

O presente proxecto nace e desenvólvese no edificio B (praza Fernando Fulgosio), un antigo colexio de EXB (data dos anos 70), que despois de varias adaptacións, hoxe en día alberga a alumnado de Formación profesional das titulacións de Técnic@ superior en educación infantil, Técnic@ superior en integración social e Técnic@ en atención a persoas en situación de dependencia. Todas elas profesións relacionadas coa prestación de servizos a persoas.

As particularidades arquitectónicas do edificio leváronnos a concibir a humanización do mesmo como se do espazo dunha cidade se tratase, de maneira que os espazos a humanizar fosen máis aló das aulas e incluísen tamén os corredores, prazas e outros espazos que habitamos, transitamos e vivimos ao longo do día as persoas da comunidade educativa.


Inspirándonos na obra A cidadedos nenos de Francesco Tonucci, a idea permitiunos (re)pensar o centro, para así querelo dun xeito diferente, adecuándoo a todas as persoas que o habitamos ou nos visitan. O feito de que o edificio (re)comece a súa humanización, abandonando a frialdade do anterior sistema de denominación numérico e achegándonos a figuras, movementos, institucións ou conceptos relevantes para as persoas que día tras día transitan por el, concedeunos unha oportunidade de intentar loitar por un espazo máis áxil e sinxelo, no que as persoas sexan tidas en conta. Abríndose, diante de nós, novas posibilidades de aproveitamento dos espazos tanto no que se refire a cuestións de carácter formativo como a aqueloutras que teñen que ver coas propias relacións humanas. Os espazos cumpren así unha dobre función, de traballo e formación por unha banda, mais tamén de comunicación e de encontro.

O proceso de elección das figuras que ían encabezar os espazos escollidos para ser nomeados foi un proceso participativo, no que se pretendeu que se tratase de figuras ou experiencias senlleiras e significativas para as persoas da comunidade educativa. Cada aula, cada corredor e cada praza do centro debía ser humanizada e o nome que se lle ía dar debía conectar dalgunha maneira cos intereses das persoas que dun xeito máis habitual ocupaban eses espazos. Fóronse facendo propostas, que se debateron e consensuaron polo equipo até chegar á proposta final.

Deste xeito Florence Nightingale ou o Movemento de vida independente, serven para nomear aulas ocupadas polo alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia; Virginia Henderson ou Olimpia Varela dan nome a algúns dos corredores, convertidos en rúas, que nos conducen ás aulas; as prazas, amplos espazos cos que conta o edificio nos seus diferentes andares, pasan a adoptar nomes como 8 de marzo, Dereitos da infancia, Preescolar na casa, Institución libre de ensinanza, Creatividade ou Intelixencias múltiples. Nelson Mandela, Rigoberta Menchú, Concepción Arenal, Preescolar na casa, Giner de los Ríos, María Montessori…. Nomean espazos vinculados ás outras titulacións que se imparten no noso edificio.

Un dos espazos significativos para o alumnado da especialidade de Atención a persoas en situación de dependencia é a antiga Aula B001, aula polivalente na que se imparten distintos módulos formativos, a decisión final foi asignarlle a ese espazo o nome de Recaredo Paz Prieto, nun intento de homenaxear a unha figura da nosa cidade que demostrou, na súa intensa traxectoria vital, o seu compromiso coa normalización da vida das persoas con necesidades a todos os niveis: educativo, social, laboral ou de lecer. Esta traxectoria tivo un importante colofón cando no  ano 1991, fundou, nun ambiente asociativo, Aixiña (asociación dedicada á integración social e laboral das persoas con discapacidade física, parálise cerebral e terceira idade dependente).

Dáse a particularidade de que o noso centro mantivo e segue a manter intensos lazos con Aixiña, entidade colaboradora na formación en centros de traballo de alumnado das titulacións de Atención a persoas en situación de dependencia e Integración social. Froito desa colaboración Recaredo Paz, no seu día, e outras persoas da Asociación teñen estado con nós, participando en diversas actividades ao longo dos últimos anos.


No desexo de todas as persoas que participamos nesta xeira está realizar actividades de interese pedagóxico para o alumnado, partindo das figuras ou institucións que nomean os diferentes espazos. Neste marco, xorde a idea de realizar un acto de homenaxe á figura de Recaredo Paz, dando a coñecer entre a comunidade educativa aspectos relevantes da súa vida e obra.

A data escollida é a do vindeiro mércores 27 de maio, no que entre as 11:30 e as 14:00 horas se desenvolverá unha xornada de portas abertas na que contaremos coa presenza dunha representación da asociación Aixiña.







Ningún comentario: