luns, 16 de novembro de 2015

Segue a ser Moderna a pedagoxía Freinet no século XXI?

Non podedes preparar ao voso alumnado para que constrúa mañá o mundo dos seus soños si vós xa non creedes neses soños; non podedes preparalo para a vida, si non creedes nela; non poderiades amosarlle o camiño, si vos tedes sentado, cansos e desalentados na encrucillada dos camiños.

Célestin Freinet

A educación é un ámbito no que é complicado que os cambios se incorporen dun xeito universal. As resistencias por parte do sistema tradicional son moi grandes, como acredita o feito de que tantas experiencias innovadoras sigan, a día de hoxe, considerándose pedagoxías alternativas. Unha desas experiencias é a pedagoxía Freinet.

Célestin Freinet foi un mestre rural e pedagogo francés fondamente comprometido co ensino público e coa renovación pedagóxica, impulsor dunha nova maneira de educar e de ver o mundo desde a profesión docente. Segundo el mesmo nos apuntou, a súa xeira comezou durante a Primeira Guerra Mundial onde sofre unha ferida no pulmón, consecuencia da cal quedará afectado para poder manter unha conversa co seu grupo de alumnos e alumnas ao completo durante un tempo sostido. Foi esa unha das razóns que lle impulsaron a buscar novas vías de motivación e estimulación das aprendizaxes no seu alumnado. É así como se xesta a súa gran preocupación pola renovación educativa, cristalizada na Cooperativa de ensinanza laica, partindo da idea de formar persoas libres, que poidan desenvolver con maior facilidade a súa personalidade e a súa capacidade creadora. Un dos seus retos foi o de humanizar a escola facendo o traballo que nela se desenvolve máis pracenteiro para docentes e alumnado, e para iso propón que a escola debe impregnarse da vida da comunidade. Entre as súas numerosas obras destacan: Consellos aos mestres xoves; Diario escolar; Os métodos naturais; Por unha escola do pobo; Técnicas Freinet da escola moderna.

Comeza os seus traballos como mestre rural en Gars, o seu pobo natal, establecéndose máis tarde, a partir de 1928, en Vence. A súa obra destaca pola cantidade de técnicas que foi capaz de aplicar na escola co afán de captar a motivación do seu alumnado. Fronte ao anquilosamento das formas tradicionais de entender o traballo educativo, Freinet proponse introducir novas maneiras de levar a cabo a práctica, algo que o pensamento educativo xa tiña concibido desde anos atrás, da man de pedagogos predecesores seus que xa viñan optando por unha concepción diferente da infancia xunto cun novo rol docente e coa re-concepción do uso dos espazos e dos materiais didácticos nas escolas. 

A súa ilusión por facer e cambiar as cousas, promovendo a ruptura cos esquemas da educación tradicional e a súa rebeldía fronte ao poder establecido, xunto co feito de apostar por unha pedagoxía crítica e ao servizo do pobo, ocasiónanlle, no ano 1933, unha sanción na escola pública. Nese momento, xunto coa súa compañeira Elise, mestra coma el, toman a decisión de abandoar a súa praza pública creando unha escola privada, no mesmo pobo de Vence, concibíndoa como un laboratorio pedagóxico, na que vai seguir traballando co seu método aberto ao medio.

Freinet, a pesar da súa sólida formación, non é un teórico, máis ben todo o contrario, é un obseso da realización práctica. Aínda así, defende que non se pode facer unha planificación dun período de ensinanza sen partir do estudo do desenvolvemento das crianzas e, principalmente, do seu desenvolvemento psicolóxico.

Do estudo do psiquismo humano resalta distintas particuradidades:
  • A permeabilidade á experiencia.
  • A capacidade de ir modelándose a si mesmo.
  • A configuración da conduta en función das experiencias que se desenvolven  na mente.
  • A importancia da aprendizaxe por tanteo (ensaio e erro), se ben este marcador será moito máis produtivo cando sexa guiado.
Nun tempo histórico caracterizado pola carreira das especializacións, no que o saber establecido perdía vixencia, Freinet aposta por preparar ao alumnado no método para adquirir coñecementos, máis que facerlles aprender feitos, teorías e leis concretas, aínda que sen desprezar nunca a importancia destas. Basicamente trátase de favorecer que o alumnado descubra por si mesmo o que outras persoas descubriron antes.

O seu compromiso coa sociedade vese reflectido na súa activa militancia antifascista e no desenvolvemento de iniciativas que garanten un ensino de calidade desde as políticas de esquerdas.

Técnicas Freinet

Un dos grandes legados de Freinet foron as súas Técnicas, recollidas e desenvolvidas en pequenas publicacións que conforman a Biblioteca do Educador Moderno. Dada a extensión da proposta de Freinet optamos por facer un breve recorrido por algunha das súas técnicas coa intención de analizar a súa capacidade de adaptar cousas sinxelas que ao mesmo tempo poden resultar motivadoras á práctica da aula. 


A saída pedagóxica

Como antes xa intuiran outros pedagogos da Escola Nova, Freinet aposta decididamente polo achegamento da escola á realidade, buscando a conexión co medio natural e social. As saídas da aula como método de ensino-aprendizaxe foran xa experimentadas por outros mestres, mais é con el que toman unha verdadeira dimensión renovadora. As posibilidades que brinda a saída de cara á motivación do alumnado e á significatividade das aprendizaxes das crianzas abre posibilidades moito máis ricas que o que se pode aprender sen franquear os muros da escola.

As saídas teñen unha finalidade e son programadas minuciosamente, de xeito que mestre/a e alumnado poidan compartir momentos, observacións, reflexións e aprendizaxes nunha relación as máis das veces moito máis personalizada que a que se produce na aula.

As observacións das crianzas fan xurdir dúbidas que poden ser resoltas de xeito cooperativo ou coa participación da persoa adulta.

No canto de dormitar fronte a un texto de lectura, logo da clase de mediodía saiamos ao campo que bordeaba a aldea. Non examinabamos xa escolarmente ao noso arredor a flor ou o insecto, a pedra ou o río. Sentiámolo con todo noso ser, non só obxectivamente, senón con toda nosa natural sensibilidade. (Freinet)

O Texto Libre

É tarefa do/a mestre/a e do/a educador/a fomentar e facer xurdir a necesidade de comunicación no seu alumnado, para iso deberá ser quen de promover a motivación. O texto libe é un método natural no que as nenas e nenos tenden a expresarse sen trabas de ningún tipo sobre o tema que lles interesa. A/O mestra/e intentará ponderar a importancia da palabra escrita na comunicación, facendo que esta sexa sobre todo expresión e comunicación, de aí a importancia de partir das vivencias reais do alumnado e dos seus propios textos.

Cando as/os nenas/os son moi pequenos e aínda non saben escribir, a comunicación prodúcese de forma oral, sendo a/o mestra/e a/o encargada/o de pasar as palabras a grafismos, servindo estes de base para o proceso de aprendizaxe da lectoescritura.

Os nenos e nenas que xa saben escribir redactan os seus propios textos, lendo cada un o seu na aula. Logo faise unha votación coa intención de escoller o máis representativo e, a partir de aí comeza un traballo laborioso no que, de xeito cooperativo, se van propoñendo recursos gráficos e estilísticos que corrixan e embelezan o texto. Dese xeito, a obra final será de todos e todas os compoñentes do grupo.

A partir do texto os nenos e nenas compoñen, debuxan, aprenden vocabulario, regras gramaticais, etc. De aí a importancia de pór coidado en que todas as crianzas teñan a oportunidade de ser elixidas.

A imprenta escolar.

Técnica adaptada no ano 1917 co fin de plasmar e difundir os textos libres elaborados polo seu alumnado despois das saídas pedagóxicas.

O instrumento é unha imprenta sinxela, construída na propia aula, e que servirá de enxeño técnico para a elaboración do periódico escolar, ademais de medio de traballo. Grazas á imprenta o alumnado mantense activo na aula, e atopa a motivación de ver os seus traballos impresos e publicados.

A imprenta supón a posibilidade de traballar en equipo, rotando as funcións dentro da aula e fomentando a responsabilidade individual e grupal. 



A motivación que este instrumento introducía nas clases de Freinet sería comparable ás últimas achegas tecnolóxicas do momento actual.  

A correspondencia interescolar.

O feito de que as técnicas Freinet se difundisen dun xeito considerábel tanto en Francia como nalgúns outros países, xunto coa vocación cooperativa da propia pedagoxía freinetiana da pé a esta ténnica na que cada aula ou cada escola terá, noutro lugar, outra elixida como homóloga coa que intercambiará as súas experiencias. Nesta outra escola, cada alumno e alumna escollerá a outro co que intercambiará a súa correspondencia, o que volve ser outra fonte de motivación para acentuar o carácter comunicativo da lecto-escritura.

A orixe da experiencia remóntase ao ano 1926, establecendo comunicación por medio de cartas entre a escola de Freinet e a de Saint Philibert, as dúas xa dispuñan de imprenta.

Esta técnica contribúe ao desenvolvemento da socialización e das habilidades comunicativas das crianzas, sendo asemade de gran axuda na aprendizaxe da historia, a xeografía, a economía, etc. Cando se leva a cabo entre escolas de distintos países, convértese nun medio ideal para a práctica doutras linguas. Nestes casos os intercambios eran sobre todo de periódicos.

O diario escolar.

Tamén coñecido como periódico, é a continuación do texto libre, xa que se compón dunha colección destes, debidamente editados. Unha vez confeccionado o periódico distribúese entre os correspondentes, as familias e persoas abonadas...

Os plans de traballo.

Como xa apuntamos, a pedagoxía Freinet non deixa aspectos á improvisación, concedéndolle unha singular importancia á programación da vida da escola, que xira en torno a proxectos. Neste ámbito hai que destacar os seguintes aspectos:

  •  As fontes de información son a vida real (observación), as persoas adultas, revistas, documentos variados, a correspondencia, os libros....
  • A mecánica de estudio pivota sobre as fontes de información escrita que estarán na biblioteca escolar e no ficheiro escolar, dado que Freinet rexeita o libro de texto polo seu carácter domesticador e de reprodución social.
  • A orde e graduación dos temas a estudar está adaptada ás características do alumnado.
  • Un dos principios básicos desta pedagoxía é atender ás inquedanzas do alumnado. Hai que ter en conta que cando un clima de traballo como o que propón Freinet se instaura na aula, o alumnado acepta de mellor grado as propostas da/do mestra/e.
A orde do programa queda garantida polos Plans de Traballo, que son guías orientativas da labor do alumnado, nas que aparecen rexistrados os obxectivos a cumprir e as actividades a realizar: fichas a estudar, exercicios, temas a traballar na biblioteca, redaccións, traballos manuais, responsabilidades na dinámica da aula, etc.

O/A mestre/a deberá estar constantemente á disposición do seu alumnado, ademais de realizar aquelas actividades nas que ten unha intervención directa, nese sentido entre as súas responsabilidades destacan:
  • O control dos traballos que se están realizando.
  • As reunións cos diferentes grupos co obxecto de analizar os textos, traballos ou conferencias.
  • Cada semana confronta con cada alumno e alumna o plan semanal, comprobando as variacións producidas. Estas avaliacións non culminan cunha cualificación, senón nunha toma de conciencia da posición respecto das metas por parte de alumnado e profesorado. Nas gráficas preparadas iranse poñendo unhas marcas orientativas acerca da situación persoal de cada crianza. Estas gráficas pretenden facer máis controlable o proceso desde todas as instancias, implicando tamén ás familias, na medida do posible.



Despois deste pequeno percorrido por algúns dos trazos da obra dunha das personalidades pedagóxicas máis destacadas do século XX podemos voltar á pregunta que servía de título a esta entrada.

Comezado o século XXI, cando na nosa contorna estamos a vivir as consecuencias da implantación dunha lei tan regresiva como a LOMCE, seguimos a atopar na pedagoxía Freinet moitos aspectos que nos fan seguir vendo as súas propostas como modernas a pesar do tempo pasado desde que el e maila súa compañeira Elise, nun primeiro momento, e moitas outras mestras e mestres despois, comezaron a experimentar a súa pedagoxía.

Que se pode dicir senón dunha proposta tan fondamente comprometida co ensino público, democrático e creativo, que persegue unha escola para todas e todos. Unha escola que asenta os seus alicerces sobre un profesorado que, alén da súa formación incial, busca sen descanso a formación permanente, valéndose as máis das veces da cooperación con outras e outros profesionais coas mesmas inquedanzas. Unha escola que cre no alumnado, que escoita e ten en conta as súas opinións, promovendo a participación e a toma de decisións conxuntas e o reparto de responsabilidades. Unha escola crítica que rexeita os libros de texto, buscando alternativas aos mesmos a través da biblioteca ou do ficheiro escolar. Unha escola achegada á realidade, conectada con ela a través das saídas, das investigacións e posta en valor da contorna nas súas vertentes natural, xeográfica, social... Unha escola que rexeita o individualismo e a competitividade, promovendo como alternativa a cooperación e o traballo grupal.  Unha escola permeábel aos avances tecnolóxicos e científicos. Unha escola aberta ao contorno e sobre todo ás familias. Unha escola que terma da ilusión por facer e cambiar as cousas, compartindo os seus logros e poñendo as bases para unha sociedade mellor.

Definitivamente, a pedagoxía Freinet segue a ser moderna no século XXI e nas nosas mans está a súa actualización e posta en valor.



No mes de maio do ano 2006, na Universidade de Valencia, desenvolveuse o curso Actualidade da Pedagoxía Freinet, coa participacipación de profesionais de distintas xeracións interesadas pola renovación pedagóxica e directamente implicadas na mesma. Este é o vídeo no que se recollen as conclusión do curso:    


Ningún comentario: