domingo, 12 de xaneiro de 2014

Achegas de Vigotsky á educación infantil. O paradigma sociocultural.

Lev Semionovich Vigotsky (Orsa, 1896- Moscú, 1934)  psicólogo bielorruso que pode ser cualificado como un dos principais reformadores da psicoloxía do século XX. A pesar da súa curta vida e de que a súa obra permaneceu agochada durante varios lustros, máis aló do telón de aceiro, por mor da guerra fría. Cando finalmente foi traducida e presentada no contexto occiental tivo importantes efectos sobre as concepcións psicolóxicas relacionadas co desenvolvemento cognitivo. Son notables as súas investigacións sobre as funcións psicolóxicas superiores, destacando as súas achegas nos campos do pensamento, a linguaxe, a memoria e o xogo infantil. A súa teoría coñecémola como Teoría sociocultural ou histórico-cultural.

Para Vigotsky o ser humano é activo, social e histórico e do mesmo xeito que a sociedade evoluciona porque as persoas que a compoñen asimilan o que os seus antecesores adquiriron, as/os nenas/os desenvólvense a partir do que outros iguais máis capaces ou as persoas adultas lle proporcionan. En consecuencia, o coñecemento ten sempre unha orixe social e é (re)construído polo suxeito na súa interacción co medio.

Entre os factores que interveñen no desenvolvemento do pensamento (cognitivo) hai que considerar a actividade do suxeito -considerada como actividade "social"- o contexto social, a linguaxe e a aprendizaxe. Vexamos como se relacionan estes factores.

Vigotsky parte da base de que o coñecemento ten a súa orixe na interacción entre o suxeito e o medio; é dicir, na actividade do suxeito dentro dun contexto histórico-social do que forma parte e que o condiciona. Neste contexto a persoa constrúe e utiliza ferramentas materiais para transformar a natureza pero tamén manexa recursos e estratexias -signos e símbolos- que fan posíbel a actividade psíquica e que, á súa vez, inciden na actividade práctica xa que a mediatizan e controlan. O máis importante destes recursos é a linguaxe.

"O momento máis significativo no curso do desenvolvemento intelectual, que fai nacer formas tipicamente humanas de intelixencia práctica e abstracta, ten lugar cando a linguaxe e a actividade práctica, dúas liñas de desenvolvemento que previamente eran independentes, converxen" (Vigotsky).

A linguaxe -ademais de facilitar o contacto social- axudará ao neno/a a controlar e regular a súa acción e a planificar e resolver os problemas, converténdose nun instrumento do pensamento. Grazas á linguaxe a actividade do neno/a pasa de ser unha actividade práctica e externa a ser unha actividade interna e mediatizada por el/ela; este proceso denomínase interiorización/internalización. Vigotsky proporciona un exemplo para explicar este concepto: o recén nacido estira as súas mans para tratar de coller un obxecto, o adulto que o observa achégalle ese obxecto de tal forma que o bebé vai mudando o significado do seu xesto e así, o xesto inicial de "acadar" transfórmase nun aceno de "sinalar". Así pois, o proceso de internalización consiste nunha serie de transformacións que dan lugar á lei da dobre formación:
  • Unha operación inicial externa (coller o obxecto) transfórmase en operación interna (pedir a outro que lle dea o obxecto).
  • Un proceso interpersoal (dar o obxecto ao bebé que tenta acadalo) transfórmase nun proceso intrapersoal (sinalar para pedir un obxecto).
Esta transformación do externo e interpersoal en interno e intrapersoal permite converter en procesos mentais as accións externas e é o resultado dunha longa serie de procesos evolutivos.

Os nenos e nenas son, por tanto, primeiro capaces de realizar condutas en interrelación coas persoas adultas ou con outras/os iguais máis competentes e máis tarde serán capaces, tras telas internalizado, de realizalas sen axuda, individualmente. Estas persoas teñen unha importancia crucial no desenvolvemento cognitivo ao actuar como mediadoras.

Desta relación entre o que o neno/a é capaz de facer só e  que é capaz de facer coa axuda de alguén xorde o concepto de zona de desenvolvemento próximo.

"A zona de desenvolvemento próximo non é outra cousa que a distancia entre o nivel real de desenvolvemento, determinado pola capacidade de resolver independentemente un problema, e o nivel de desenvolvemento potencial, determinado a través da resolución dun problema baixo a guía do adulto ou en colaboración con outro compañeiro máis capaz" (Vigotsky).

“Nós postulamos que o que crea a zona de desenvolvemento próximo (ZDP) é un trazo esencial da aprendizaxe; é dicir, a aprendizaxe esperta unha serie de procesos evolutivos internos capaces de operar só cando o neno está en interacción coas persoas do seu entorno e en cooperación con algún semellante. Unha vez que se internalizaron estes procesos, convírtense en parte dos logros evolutivos independentes do neno” (Vigotsky).

O que hoxe se realiza con apoio de persoas máis expertas (mediadoras), nun futuro realizarase autonomamente, sen necesidade de apoios. Por isto, para Vigotsky, os procesos de aprendizaxe e desenvolvemento son complementarios: o desenvolvemento está en relación directa coa capacidade potencial de aprendizaxe.

"Desde este punto de vista aprendizaxe non equivale a desenvolvemento; non obstante a aprendizaxe organizada convértese en desenvolvemento mental e pon en marcha unha serie de procesos evolutivos que non poderían darse nunca á marxe da aprendizaxe. Así pois a aprendizaxe é un aspecto universal e necesario do proceso de desenvolvemento culturalmente organizado e especificamente humano das funcións psicolóxicas” (Vigotsky).

"O rasgo esencial da aprendizaxe é que enxendra a área do desenvolvemento potencial ou sexa, que fai nacer, estimula e activa no neno un grupo de procesos internos de desenvolvemento dentro do marco das interrelacións con outros, que a continuación son absorbidas polo curso interno do desenvolvemento e convértense en adquisicións internas do neno" (Vigotsky).

Entre os mecanismos cognitivos aos que o neno pode recorrer para poder asimilar o que se lle transmite ten grande interese a capacidade de imitación. Vigotsky advirte que durante a infancia non é posíbel imitar calquera conduta, senón só aquelas que collen na "zona de desenvolvemento próximo".

En resumo, a concepción de Vigotsky considera que os factores principais do desenvolvemento cognitivo son a actividade do suxeito, a aprendizaxe, a interacción social e a linguaxe, sendo a superación dos conflitos -que presenta a interacción social- e o proceso de internalización os motores máis importantes do desenvolvemento.


Implicacións educativas

  • O persoal educativo debe asumir o rol de mediador sociocultural, organizando e xestionando a súa aula de xeito que se potencien as interaccións, se creen expectativas e se xere un clima de confianza e seguridade.
  • A aprendizaxe prodúcese fundamentalmente en situacións colectivas que favorezan condutas de imitación, diálogo e cooperación. A interacción cos iguais, no contexto da escola, facilita a aprendizaxe porque presenta conflitos -socioafectivos e/ou cognitivos- que haberá que resolver.
  • Importancia dos procesos de "internalización". O que o neno aprende en situación colectiva debe ser internalizado. Tendo en conta as idades e capacidades das nenas e nenos no primeiro ciclo da educación infantil, debe favorecerse o movemento nas súas distintas vertentes, prestando especial atención ás principais competencias motoras adquiridas neste ciclo educativo –o desprazamento e a pinza-, que lle abrirán a/o nena/o as portas da autonomía
  • "O único bo ensino é o que se adianta ao desenvolvemento",  por iso a actividade educativa debe planificarse para ser realizada na zona que se sitúa entre o que o neno xa é capaz de facer so e aquilo no que precisa axuda para poder realizado. Neste senso o/a educador/a debe determinar a "zona do desenvolvemento próximo" na que se atopa a/o nena/o e decidir, en relación a ese nivel, os obxectivos que se pretenden lograr no proceso de ensino-aprendizaxe. Así, as/os profesionais que desenvolven o seu traballo no primeiro ciclo da educación infantil deberán deseñar proxectos de intervención coherentes, cun ambiente ben estruturado, para permitir unha acción educativa dirixida a desenvolver as potencialidades sensoriomotrices, intelectuais, sociais, afectivas e lingüísticas das nenas e nenos.
  • Deben propiciarse as actividades de xogo, tendo en conta que é a actividade que dá unha mellor resposta ao desenvolvemento das nenas e nenos.
  • A avaliación desenvolverase a partir de situacións interactivas das persoas avaliadoras e avaliadas en torno a unha tarefa dada.

Achegamos o enlace dun pequeno documental da Universidade Virtual do Estado de São Paulo no que se abordan os conceptos clave da teoría de Vigotsky:


Ningún comentario: