Calquera disciplina profesional é o resultado
dun proceso histórico e cultural mediatizado por factores económicos, sociais e
científicos. Por iso é importante que as/os profesionais da primeira infancia
fagamos o posible por coñecer os principais fitos da evolución da nosa
profesión para, a partir dese coñecemento, ser quen de deseñar a nosa andaina,
facendo as adaptacións e correccións precisas co obxecto de adecuar os
coñecementos adquiridos ás necesidades da nosa realidade.
Un dos referentes no desenvolvemento da educación da
primeira infancia é o pedagogo alemán,
nado en Oberweissbach (Turingia), Friedrich Fröbel (1782-1852), especialmente
lembrado por ser o fundador dos Kindergarten (xardíns de infancia).
A súa contribución hai que contextualizala nun
momento no que se están a vivir a prosperidade da nacente industrialización, a
emigración do campo ás zonas industriais e portuarias, un espectacular aumento
da poboación e a incorporación da muller ao traballo fóra do fogar; con Froebel,
a educación infantil cobra vida propia e independízase como campo de estudo.
Despois de ter traballado como mestre e visitado o
centro pestalozziano de Iverdon, Froebel funda en 1837 en Blakenburg o Instituto para nenos pequenos que en
1840 pasa a denominarse kindergarten e iniciará unha expansión que se verá freada no ano 1851 pola súa prohibición.
Recolle de Comenio, Rousseau e Pestalozzi a idea da
necesidade da educación desde os primeiros momentos da vida. Ao igual que
Pestalozzi dálle moita importancia á educación maternal, elaborando diferentes
escritos de orientación ás nais, e incluso un libro de cancións de berce: Cantos
de Nai (1844),
ilustrado con deseños e numerosas instrucións pedagóxicas.
Na súa principal obra pedagóxica, Tratado da educación do home (1826),
Froebel deixa claras as bases do seu pensamento. Distingue dous grandes períodos no desenvolvemento
do neno:
- A primeira infancia na que, coa axuda dos sentidos, a/o nena/o irá sendo capaz de exteriorizar o interior e de interiorizar o exterior. Durante este período destaca a importancia do xogo que para el é a principal actividade na infancia, e sérvelle ao neno de espello da vida. A través do xogo simbólico o neno conecta co seu mundo.
- A infancia propiamente dita, caracterizada pola adquisición completa da linguaxe, é a etapa da instrución impartida na escola, dos xogos infantís o neno pasa ao traballo manual, fundamentando a educación pola acción.
Fröebel baseou a súa teoría no estudo e respecto
pola natureza do neno propondo como obxectivos do seu método que a educación
non debe estar baseada no costume e na tradición e que debe dirixir a infancia cara
o desenvolvemento das súas potencialidades e da súa natureza.
O desenvolvemento completo do ser humano ten que
abarcar as diferentes potencialidades que, segundo el, o conforman, e que a
educación só poderá desenvolver:
- A creación, como ser activo.
- A percepción, como ser sensible.
- A reflexión, como ser cognitivo.
Tendo en conta que a creación faise fundamentalmente
por medio da acción e que a acción principal da infancia é o xogo, o seu
traballo coas primeiras idades fundamentarase na importancia dada ao xogo e ao
traballo manual que considera debe ser previo ao intelectual. Fröebel é o
primeiro pedagogo que desenvolve materiais didácticos conscientemente destinados
á educación infantil, denominaraos "dons" –agasallos- e no seu
deseño fundamentouse en principios metafísicos e nos seus coñecementos de
cristalografía. Tratábase de materiais de madeira equiparables aos equipamentos
de construción que podemos atopar hoxe nas aulas das escolas infantís.
A lista destes dons inclúe:
- Primeiro don: Seis pelotas con soportes, cada unha dunha cor (verde, azul, marelo, laranxa, vermello e violeta).
- Segundo don: Unha esfera, un cubo e un cilindro.
- Terceiro don: Un cubo desarmable en oito cubiños iguais que permiten aos nenos e nenas xogar a facer e descompor formas.
- Cuarto don: Un cubo desarmable en oito ladrillos iguais, que permitirán aos nenos e nenas traballar as dimensións e a formación de figuras xeométricas.
- Quinto don: Introduce a forma triangular, seccionando o cubo polas diagonais, e permite a formación de figuras máis complexas.
- Sexto don: Un cubo desarmable en vinte e sete pezas.
§
Sétimo don: Figuras planas coas súas caras de diferentes cores.
§ Oitavo don: Paociños e bolas de enlazamento.
§ Oitavo don: Paociños e bolas de enlazamento.
Dado que o pasamento de Fröebel produciuse antes de
finalizar o deseño do seu sistema, o resto dos dons foron elaborados polos seus
discípulos que introduciron materiais brandos e flexibles, intentando compensar
a rixidez dos do seu mestre.
A formación nos kindergarten concedíalle grande importancia a agrupación dos nenos e nenas en función da súa idade, creando procedementos de traballo en función da mesma. Ademais das actividades cos dons e do xogo libre a educación completábase con exercios ximnásticos (psicomotricidade), actividades musicais (canto e música), traballos a partir de contos, poesías e dramatizacións, o cultivo en pequenas parcelas (hortos) e as saídas pedagóxicas (excursíóns).
Froebel que desde novo tivo unha predisposición pola arquitectura, disciplina que estudou durante algún tempo, fixo importantes achegas na concepción espacial dos xardíns de infancia. Desde o seu modelo o Kindergarten é un conxunto arquitectónico que está composto por tres tipos de espazos: pechados, abertos e de transición.
O principal espazo dentro da escola de Froebel é o xardín (C),
que será o que ocupe unha maior extensión. Nel ten que haber espazo suficiente
para que cada neno ou nena realice o seu traballo individual en contacto coa
terra e para a actividade colectiva, así mesmo estará dotado de lugares que
sirvan de almacén para os materiais utilizados (cabanas) e espazos para as
interaccións dos nenos e nenas con diversos animais: peixes, aves, pequenos
mamíferos...
Nas súas escolas debe haber dous patios (B), un
cuberto, que é o indicado para os días de choiva e outro descuberto, con
soportais ao seu arredor, con
plantacións de árbores e cun círculo central cunha glorieta con plantas ou
cunha fonte.
Os espazos pechados comprenderán o edificio propiamente dito. No mesmo destacan as salas de traballo, de forma rectangular ou cadrada, amplas e ben iluminadas, en cada unha delas nunca hai máis de 25 nenos e nenas e sempre terán unha saída directa ao patio. No edificio tamén atopamos espazos que poden ter un carácter polivalente: a portería, o roupeiro ou a sala de lecer.
En España os kindergarten foron introducidos por
persoas de ideoloxía liberal que avogaban pola metodoloxía Froebeliana e a
concepción do xardín como espazo de educación activa en contacto coa natureza.
Un dos seus máis firmes defensores foi Giner de los Ríos. Aínda que se
fixeron algúns intentos de adaptar o método Froebel como o da escola de Virio,
haberá que agardar ata o ano 1881 en que se crea en Madrid a Escola Modelo para
párvulos que si será verdadeiramente un xardín de infancia, a pesar de que no
deseño dos seus espazos prescindiuse da horta, das cabanas e das gaiolas para
animais. Esta escola converteuse nun referente para moitas persoas desexosas de
estudar o seu deseño.
O modelo arquitectónico de Froebel supón unha clara
diferenzación das escolas almacén, típicas na súa época, nas que nunha inmensa
sala se acumulaban unha grande cantidade de ringleiras de mesas e un elevado número
de nenos e nenas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario