domingo, 29 de decembro de 2013

Un, dous, tres, rodando...


O proxecto de creación dunha rede pública de escolas infantís en Galiza, materializado nas Galescolas, foi ante todo un proxecto educativo de calidade, impulsado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e desenvolvido entre os anos 2007 e 2009, que naceu desde unha concepción positiva da infancia, dos seus dereitos e potencialidades.

Entre os seus trazos de identidade básicos destacaba o feito de constituír unha rede de escolas infantís cun proxecto educativo común que potenciase o galego, desde a tolerancia e o respecto, superando a concepción da garda e custodia.

As galescolas pretendían contar con cadros de persoal axeitados, cunha adecuada formación inicial, que poderían manterse actualizados mediante un plan de formación continua, organizado desde a propia rede e contemplado na xornada laboral das traballadoras e traballadores.

Instaurouse a parella educativa, que permitía que dúas ou dous profesionais compartisen un mesmo grupo durante a maior parte da xornada laboral. Ambos os dous membros da parella asumían a responsabilidade da relación coas crianzas e coas familias.

Era un dos obxectivos do proxecto prestar unha especial atención á adecuación dos espazos interiores e exteriores dos centros, aproveitando os recursos do contorno e facendo un esforzo por dotalos de materiais educativos axeitados tanto para as/os profesionais como para as nenas e nenos.

Acreditando que a educación infantil é unha tarefa compartida entre a escola, a familia e a sociedade, desde as galescolas propiciouse a participación activa das familias e a integración no contorno, impulsando os consellos de participación e abrindo as escolas ao medio social e cultural.

En suma, coas galescolas, desde a reequilibración dos recursos de atención á primeira infancia no noso país, pretendíanse sentar as bases do que se entendía que debería ser a educación infantil (0-3) na Galiza do século XXI.

Neste marco e nun intento de dar a coñecer a experiencia, pondo en valor os elementos esenciais do proxecto, xorde o fermoso traballo de Olaia Sendón Un, dous, tres, rodando, que ela mesma define como o diario dunha experiencia... Profesionais do audiovisual, crianzas, familias e persoal educativo das galescolas de Fene e Cambre, mestúranse cos instrumentos cinematográficos na vida cotiá da escola infantil e aí xorde a experiencia e a historia que nos permite evocar as potencialidades das crianzas e das persoas adultas nun proxecto creativo compartido.

"1,2,3 Rodando é a memoria da experiencia obtida ao traballar coas crianzas da Galescola de Cambre e Fene. O documental iase formando conforme elas ían descobrindo o marabillosos mundo de sons e imaxes que é o cine. O proceso audiovisual converteuse nun xogo infantil no que se ían xerando as imaxes e a banda sonora que conformarían este documental". (Olaia Sendón)

O documental foi presentado no I Congreso galego de educación infantil 0-3, celebrado en Santiago de Compostela en xuño de 2008, diante das máis de cincocentas persoas asistentes ao mesmo.

  

Ningún comentario: