luns, 9 de decembro de 2013

Loris Malaguzzi e as escolas infantís de Reggio Emilia

Reggio Emilia é unha cidade duns 170.000 habitantes, capital da provincia homónima, na rexión da Emilia-Romaña, situada no norte de Italia, famosa polo enfoque educativo das súas escolas para nenas e nenos de cero a seis anos. A súa experiencia educativa e os seus profesionais convertéronse en núcleo de referencia para milleiros de visitantes que anualmente visitan a cidade e as seus centros educativos. Loris Malaguzzi viviu e dinamizou directamente o nacemento e desenvolvemento deste traballo que agora continúa en mans de colaboradores.

Contextualización da experiencia


Loris Malaguzzi nado en Correggio en 1920. Durante máis de 50 anos vive, investiga, proxecta e realiza experiencias relacionadas coa educación infantil na cidade de Reggio Emilia. Recoñecido deportista, funda co poeta Corrado Costa o teatro Club en 1954 e dirixe a posta en escena de obras teatrais de Beckett, Brech e Ionesco, entre outros. Tamén dirixe, entre 1947 e 1951, a redacción reggiana do periódico Il progresso d'Italia. A súa intensa actividade pedagóxica fíxoo acredor de varios premios: en 1992 recibe o premio Lego que recoñece anualmente a persoas ou institucións implicadas na mellora da calidade de vida das nenas e nenos; en 1993 concédeselle en Chicago o premio Khol que galardoa a personalidades destacadas do ámbito pedagóxico. O seu pasamento prodúcese o 30 de xaneiro de 1994, tras dedicar a súa vida á construción dun proxecto de calidade educativa que, partindo da escoita, respecto e consideración das potencialidades dos nenos e nenas, puidese recoñecer o dereito destes/as a ser educados/as en contextos dignos, esixentes e acordes con ditas capacidades.

Tras a Segunda Guerra Mundial, en 1945, grupos de mulleres inician a construción -coas súas propias mans e cos ladrillos das casas derrubadas polos bombardeos- as primeiras Escolas Infantís para nenos de tres a seis anos, segundo os seus testemuños tratábase de pór os medios para que non se volvese repetir o que viñan de vivir e para iso había que sentar as bases para unha nova educación das futuras xeracións. Loris Malaguzzi contacta con elas e implícase persoalmete no proxecto. O xermolo está posto...

En 1963, o Concello de Reggio funda a primeira Escola Infantil laica para ese tramo de idade. Esta primeira escola, un edificio prefabricado de madeira, queimouse tres anos despois. Un ano máis tarde, constrúese unha nova escola de ladrillos e cemento. Era unha escola con dúas aulas para 60 nenos. Púxoselle o nome de Robinson, en memoria da aventura do heroe de Defoe. Para se dar a coñecer a escola trasladábase unha vez á semana á cidade. Levaban os nenos e os materiais nun camión, dábanse as clases e facíanse exposicións ao ar libre, nas prazas, nos xardíns ou nos soportais do teatro municipal. As/Os nenas/os eran felices e a xente ollaba, sorprendíase e preguntaba. Fíxose un proxecto sobre a figura de Robinson no que se prevía a reconstrución cos nenos da historia e as aventuras do heroe, traballando a lectura, a narración, a memoria, o debuxo, a pintura, o barro e a carpintería. Reconstruíuse o veleiro, o mar, a illa, a cova e diversos útiles. Ao ano seguinte foi o momento da historia de Pinocho... 

Posteriormente, tras uns encontros cos piagetianos de Xenebra enfrontaranse ao número, ás matemáticas e á medida. Esta forma de traballo precisaba beber de diversas fontes que pertencían a investigacións e teorías mesmo alleas á pedagoxía e iso é o que fan Loris Malaguzzi e o seu equipo de profesionais.

En 1970, créase a primeira escola Nidi (Asilo Niño) para nenas/os de cero a tres anos. A partir deste momento fóronse construíndo novas institucións educativas municipais, ata chegar, a mediados dos 80, a contar cunha rede de 21 Scuole dell'Infanzia e 13 Nidi

Coa inspiración humana e pedagóxica de Loris Malaguzzi, a experiencia educativa reggiana comeza a suscitar interese internacional a finais da década dos 70 e comezos dos 80. Un dos acontecementos máis importantes xorde cando en 1981, a exposición L'occhio se salta il muro (O ollo salta o muro) se mostra no Museu de Arte Moderno de Estocolmo. A partir deste momento, e re-titulada como I cento linguaggi dei bambini (As cen linguaxes dos nenos) a exposición viaxa durante máis de vinte anos por todo o mundo, pasando por varias cidades españolas en distintos momentos. En 1991 a revista Newsweek sinala á Escola Infantil Municipal Diana de Reggio Emilia como a mellor institución en Educación Infantil a nivel mundial. En 1993 nace Reggio Children, unha sociedade de capital público e privado que trata de promover o a experiencia reggiana en todo o mundo posibilitando a visita das numerosas persoas que queren coñecer e estudar esta experiencia.

Aspectos pedagóxicos

A concepción da infancia

Un dos fundamentos da pedagoxía de Reggio é unha concepción da infancia rica en capacidades e potencialidades, que constrúe o coñecemento sempre en relación cos demais. Precísanse dúas condicións esenciais para a aprendizaxe: a pedagoxía da escoita e as relacións, de aí a súa dimensión social.

A aceptación das capacidades das nenas e nenos  obriga a contar con profesionais da educación capaces. Persoas cunha sólida formación, inicial e permanente, que aceptan que no seu traballo tamén aprenden, non só as nenas e nenos. Estes senten curiosidade e interese en construír a súa propia aprendizaxe, en involucrarse en interaccións sociais e en investigar todo o que o ambiente lles brinde. A educación ten que enfocarse en cada neno/a; sen consideralo/a como un ser illado, senón en relación cos iguais, coa súa familia, cos seus educadores e educadoras, co ambiente da escola e coa comunidade en xeral.

Unha condición esencial para que as/os nenas/os aprendan é que o seu benestar estea garantido; este benestar da infancia está intimamente ligado ao benestar das familias e ao do equipo educativo. A participación das  familias considérase esencial e prodúcese de diversas formas: interaccións na vida diaria da escola, conferencias, xuntanzas en grupo ou individuais, eventos especiais, excursións e celebracións.
Todas/os as/os nenas/os están potencialmente preparadas/os, teñen curiosidade para construír a súa aprendizaxe, utilizando todo o que o ambiente lles ofrece na súa interacción social.

En Reggio Emilia dedícanse a practicar a educación máis que a escribir tratados pedagóxicos, mais a súa concepción da infancia fica reflectida nas seguintes palabras de Malaguzzi: "Todos aqueles ... que se puxeron a reflexionar seriamente sobre os nenos sempre acabaron por descubrir non tanto as debilidades e os límites da infancia, senón máis ben a espantosa e extraordinaria forza das súas potencialidades, das súas capacidades e o seu inmediato protagonismo interactivo. (...) un dos puntos principais da nosa filosofía, cadra con esa imaxe do neno. Un neno que, desde o nacemento, desexa sentirse parte do mundo, usar activamente unha complexa (e non aínda valorada) rede de capacidades e de aprendizaxes, e capaz de organizar relacións e mapas de orientación persoal, interpersoal, social, cognitiva, afectiva e, mesmo, simbólica".

Didáctica e Investigación

En Reggio Emilia a Didáctica –en moitas ocasións infravalorada, como pura práctica- preséntase como unha entidade de enorme fecundidade de ideas. A Didáctica enténdese desde unha concepción da investigación orientada a conseguir elementos básicos para a reflexión e a profundización, máis que resultados xeneralizables. Practicamente non se produce distinción entre Didáctica e investigación, xa que unha comprende á outra, en coherencia coa máis actual investigación científica e pedagóxica, que está máis interesada no "como se aprende" que no "que se aprende" e cultiva máis a dúbida que a certeza. Apréciase ademais unha evolución que vai "da programación ao proxecto".
Malaguzzi rexeita as programacións ríxidas que prevén de antemán o que debe ocorrer no proceso de ensino aprendizaxe. Porén non deixa todo á improvisación, aplica o método de proxectos, consistente en dispor situacións de aprendizaxe nas que alumnado e persoal educativo aprende investigando.

Principios pedagóxicos

A práctica reggiana desenvolve un modelo construtivista de educación que permite a/o nena/o participar nunha toma de conciencia cultural e estética, ademais de científica, e ao ritmo do progreso tecnolóxico. Ao mesmo tempo, aposta polo socioconstrutivismo, é dicir, a construción do coñecemento a través da interacción cos iguais e co profesorado, este pasa da posición de líder á de compartir cos nenos e nenas as decisións a tomar en cada novo aspecto problemático da experiencia.

Rexéitanse os modelos didácticos preconcibidos e estandarizados, propondo como alternativa desenvolvementos educativos e didácticos máis próximos a categorías conceptuais como liberdade, complexidade, pluridimensionalidade, imprevisibilidade,... Isto significa:

  • Que a/o nena/o non se concibe como predeterminada/o e, moito menos, predeterminable polo ambiente.
  • O desenvolvemento das nenas e nenos non se concibe como pechado en esquemas de estados lineais ou de acumulación continua.
  • Os procesos de aprendizaxe, aínda que pensados intencionadamente, non deben ligarse a modelos preestablecidos, senón potenciar o protagonismo construtivista dos suxeitos implicados.
  • O coñecemento das nenas e nenos avanza a través do conflito cognitivo e a contradición, o erro e a incerteza, a imprevisibilidade e a variación.
  • A/O bo profesional non debe infravalorar a intelixencia do seu alumnado.
  • A relación educativa adulto-nena/o debe ser de respecto mutuo e de reciprocidade; nesta relación a/o nena/o e o/a profesor/a vívense, reciprocamente, como fonte de riqueza e recursos.
  • A educación é unha constante interacción, unha relación en constante actividade de intercambio cos outros.
  • A escola configúrase como unha comunidade educativa na que "nos educamos" máis que "se educa", na que todas as persoas implicadas (nenas/os, profesoras/es, nais/pais,...) son á vez educadoras/es e educadas/os, e onde a intelixencia, a fantasía e os sentimentos duns son interdependentes da intelixencia, a fantasía e os sentimentos das/os outras/os.

En Reggio a política educativa infantil foi prioritaria nos últimos 30 anos, na convicción de que é preciso dar os nenos e nenas, desde o primeiro ano da vida, posibilidades reais de ser educados para eliminar as diferenzas entre os distintos niveis sociais e as situacións de desequilibrio das familias.

Os tempos

O sentido do tempo das nenas e nenos, así como o seu propio ritmo, son considerados ao planificar e levar a cabo as actividades e proxectos.
En Reggio promóvese que, a cambio de saturar os participantes, se lles dea o suficiente tempo para realizar as actividades con satisfacción. O persoal educativo é coñecedor do ritmo de cada nena/o, facilitando as súas planificacións, porque estes permanecen todo o ciclo cos mesmos profesionais.
Malaguzzi reclama saber esperar, e indica: respectar os tempos da maduración do desenvolvemento dos instrumentos de facer e de entender, da plena, lenta, lúcida e cambiante aparición das capacidades infantís é unha medida de sabedoría dialóxica e cultural.

Os espazos

O deseño da escola debe favorecer as interaccións, comunicación e relacións entre os nenos/as. A disposición dos mobles, obxectos e materiais promoven diferentes opcións, resolución de problemas e descubrimento no proceso de aprendizaxe.

Na súa intención de facer da escola un espazo máis humano, as escolas non deben ser excesivamente grandes e respéctase en todas as escolas un lugar común, de encontro, coma se fose a praza nos pobos, onde se acode a celebrar, a contarse, a resolver, a despedir.

Unha das bases importantes das escolas reggianas é que privilexian o traballo en espazos abertos e iluminados, con paneis de vidro en lugar de muros, xa que a luz natural é un material máis co cal traballar. A estrutura deséñase para o traballo colectivo, con ferramentas e materiais sempre dispoñíbeis para ser utilizados. Non hai mesas nin cadeiras fixas, todo se adapta ás necesidades das nenas e nenos. Porén, hai recantos para atoparse, outros para agacharse, xunto con múltiples recursos que permiten a busca a partir do xogo.

O profesorado organiza a clase non como unha colmea de espazos de aprendizaxe autónomo, para un grupo de nenas/os activos, senón máis ben como unha estancia onde a acción e o interese converxen nunha actividade común. Espérase que as/os nenas/os traballen en proxectos comúns e a aprendizaxe é entendida como un labor de grupo. A intención do adulto non é traballar con grupos de nenos/as homoxéneos ou eliminar as diferenzas individuais e moito menos potenciar o individualismo. Nas aulas de Reggio atópanse os resultados do grupo que traballa unido ou de moitas/os nenas/os que actúan en produtos paralelos. Estes resultados pódense mostrar colectivamente nos espazos comúns.

O atelier (obradoiro)

A distribución das aulas, cun mini-taller, ademais dun taller amplo para todo o centro, permite que os proxectos de investigación e creación se desenvolvan coas condicións e calma necesarias.

O taller xorde da experiencia na escola infantil (3-6) e máis tarde, nos anos 70, incorpórase nos nidi. A súa importancia, ao integrarse e combinarse no marco da estratexia didáctica, xorde como recuperación dun neno máis rico en motivacións e intereses, interactivo, construtivista; dunha escola máis formada e orientada e dunha profesionalidade docente que, a xuízo de Malaguzzi, estaba empobrecida pola vulgaridade da escola maxistral e debía necesariamente refacerse sobre o terreo.

O taller debe permitir os nenos e nenas: exercitar a man e a mente, afinar a vista, a aplicación gráfica e pictórica, sensibilizar o gusto e o sentido estético, realizar proxectos complementarios das actividades da clase, ofrecendo unha variada gama de instrumentos, técnicas e materiais de traballo,...

O taller persegue o respecto pola pluralidade e as conexións das linguaxes infantís, todas elas distintas pero unidas nunha única raíz. A tecnoloxía introdúcese no taller e na escola a carón de elementos naturais e así no taller coexisten o forno de cerámica, a cámara fotográfica, a cámara de vídeo, cunchas e follas,... 

Un/unha profesional con estudos en arte traballa moi de preto cos nenos/as, coñéceselle como atelierista.
A actividade pictórica é considerada como unha linguaxe porque utiliza como recurso un código, os elementos son: a forma, a cor, o movemento, o equilibrio, a configuración.

O taller está presente como espazo organizado para permitir os nenos que coñezan e exploren co atelierista e de forma autónoma. Sempre é posible utilizar dunha forma persoal os instrumentos e materiais, pero existe tamén un "comportamento" propio e específico con respecto a cada un dos materiais e instrumentos. Resulta polo tanto moi útil discutir, explorar e probar. A actividade pictórica fóndese sobre a investigación porque as cores, as formas, os espazos e os sentimentos adquiren unha nova vida cando son representados mediante os diversos materiais e técnicas de representación.

Neste lugar, pódese probar, explorar, equivocarse, facer loucuras, inventar, indagar, saírse da rutina... Invita a atreverse a romper co cotián. Supón unha rotura ou perturbación para saír dos estereotipos, das fórmulas feitas. Permite saír das realidades rixidamente delimitadas, configuradas, medibles, para buscar, a través dunha investigación cualitativa, novos puntos de vista de liberdade expresiva.

Alberga moitas das investigacións das escolas porque é un lugar especial que xera expectativas novas en torno ás posibilidades dos nenos e adultos. Ademais, o taller é un espazo flexible, con moitos materiais e ferramentas ao alcance, que permite a construción de mobiliario ou paneis por parte de pais e educadores ou a realización de experiencias e propostas coas familias. É un lugar onde interrogarse de forma diferenciada sobre as potencialidades ocultas dos nenos e nenas. Para isto hai que probar o diferente, atopar o sentido oculto dos matices da expresión infantil. A observación no taller achéganos a ese ideal.

Fórmulas? non as hai. Só hai posíbeis estratexias. Sobre todo facer que as/os nenas/os familiaricen as súas mentes coas imaxes, que saiban mantelas vivas, que collan o gusto de reactivalas, de rexeneralas e multiplicalas co máximo uso persoal e creativo (Loris Malaguzzi).

A parella educativa

Dúas profesionais co mesmo nivel e sen divisións nominais, traballan en colaboración en todas as aulas e manteñen unha forte relación de colegas entre si e coas outras mestras, así como co resto do persoal, dialogando e interpretando xuntas o seu propio traballo e o traballo de e cos nenos e nenas. Ambos membros da parella comparten a responsabilidade da relación coas crianzas e coas familias. Estes intercambios promoven o adestramento teórico e práctico de forma continua.

As mestras e educadoras están apoiadas por unha pedagoga que, á súa vez, apoia as relacións entre as mestras, as familias e a administración.

Os proxectos

O persoal educativo facilita a exploración de temas "traballando en proxectos". Os proxectos poden xurdir por un evento, idea ou problema expresado por un ou varios nenos/as ou por unha experiencia iniciada polo propio persoal educativo. Os proxectos poden desenvolverse nalgúns días, semanas ou meses. O método por Proxectos, creado para unha máis efectiva forma de ensinar, fundaméntase no pensamento de John Dewey e Kilpatrick. A través do proxecto o alumnado vese incentivado desde unha tarefa práctica, promovéndose a iniciativa persoal, a solidariedade, a interacción e o exercicio da liberdade responsable. Constitúese nun conxunto de actividades concatenadas con propósitos definidos: o pracer de facer algo e logralo.

O método por proxectos é un intento de pór a escola ao servizo da vida real. Todos os actores no feito educativo participan nel. É unha resposta da pedagoxía activa e ten como finalidade básica, romper coa organización de áreas institucionais como compartimentos estancos, procurando coherencia e propondo aspectos relacionados, que sosteñan o interese de todos na súa execución.

Un proxecto é unha investigación en profundidade dun tópico que merece ser estudado. A investigación é levada a cabo, normalmente, por un grupo pequeno de nenos dentro dunha aula, ás veces pola aula enteira e, en certas ocasións, por un neno só.

A característica clave dun proxecto é que se trata dun esforzo investigativo deliberadamente enfocado a atopar respostas para preguntas feitas polos nenos e nenas, o/a mestre/a, ou o mestre/a xunto cos nenos/as. A meta dun proxecto non é só buscar respostas correctas elaboradas polo mestre/a, senón tamén aprender máis sobre un tópico.

A documentación educativa

As/Os mestras/es buscan a confianza e cooperación das familias documentando o seu traballo co alumnado, de forma que as/os nais/pais saiban o que se está a facer. Fotografías, comunicados, libros, xuntanzas coas familias, forman parte deste intento de manter aberta a comunicación. As presentacións ilustran este traballo, son parte del. Todo está documentado, a actividade do profesorado e do alumnado; isto permite as/os nenas/os verse reflectidas/os no que fixeron na escola. Esta documentación vincula a escola á casa e á comunidade social máis ampla.

Os comentarios dos nenos/as, fotografías das actividades e representacións das distintas maneiras de pensar e aprender están expostos e ordenados con coidado polo atelierista e as outras mestras para documentar o proceso de aprendizaxe feito na escola. Esta documentación ten varias funcións: pór ao tanto as familias da aprendizaxe dos seus fillos e fillas propiciando a súa participación, para que o equipo educativo comprenda mellor os nenos e para avaliar o traballo dos propios docentes; facilitar a comunicación entre o equipo educativo; facer que os nenos sintan que o seu esforzo ten un valor; crear unha historia da escola e o gusto no proceso de aprendizaxe dos nenos e os mestres.

En relación á observación-documentación, Loris Malaguzzi avísanos: Falamos moito dos nenos, pero curiosamente deuse a palabra, a voz en educación a quen menos está cos nenos e nenas. O que nos falta é que falamos sempre pouco cos nenos, e xa moito menos os escoitamos. A saída deste atranco é unha pedagoxía da observación e da escoita. Certo que esta observación parte da imaxe que teñamos da infancia, e que convén aclarar que esta imaxe ten unha base teórica e ideolóxica que nos leva a comportármonos de diferentes formas, a ter actitudes e orientacións específicas.

A primeira cuestión importante para Malaguzzi, é que o neno/a espera ser visto e o/a educador/a tamén ten necesidade de que o seu traballo sexa visto. De aí a importancia de documentar os procesos infantís para facelos públicos, creando así unha auténtica cultura da infancia.

Agora ben, de que tipo de observación falamos? Malaguzzi sepárase dalgunhas das tradicións científicas, da psicoloxía e da pedagoxía, recoñecendo un principio que a física ten recoñecido, que é o principio da incerteza. O que vén a dicir este principio é que cando unha persoa observa algo non o pode separar do seu xeito de ver, da súa cultura, do seu xeito de pensar, da súa formación. Porque ao mesmo tempo que estamos a ver, observando os nenos, estámolos a observar segundo o que queremos e desexamos ver. Polo tanto, nunca unha observación é obxectiva, senón subxectiva e interpretativa.

De aí a importancia para Malaguzzi de romper coas clases de alumnado cun único/a mestre/a ou educador/a. El afirma que as aulas cun único profesional son o contorno onde menos educación se pode facer. Porque non hai mestre/a que poida satisfacer, interpretar, observar con matices adxectivados as distintas potencialidades e a diversidade que teñen os nenos/as do seu grupo.

O obxectivo é poder unir diferentes interpretacións subxectivas para chegar a unha intersubxectividade, que permita descubrir onde está a verdade, porque a verdade absoluta non existe. É a partir da multiplicidade de interpretacións subxectivas, onde poderemos modificar mesmo o noso campo observacional.

É nesa observación minuciosa onde aparecen os camiños insospeitados dos procesos infantís. Pero non basta, di Malaguzzi, con observar os nenos se non recollemos as súas pegadas e deixamos memorias das súas actuacións. Para isto é importante documentar, dalgún xeito, a través da forma escrita, con gráficos, co vídeo, con fotografías, maiscoidando que a documentación non sexa só descritiva e tratando de conseguir unha documentación de carácter narrativo. Este tipo de documentación extrae os significados que para a/o nena/o ten aquilo que fai dentro dos procesos de creación infantil. Así, a observación sempre debe dar lugar a unha interpretación.

Aspectos organizativos

As escolas en Reggio Emilia funcionan do 1 de setembro ao 30 de xuño (con posibilidade de acceder a un servizo de verán para as familias que o necesiten). Ábrense de 8:00 horas a 16:00 horas, coa posibilidade de entrar ás 7:30 h e saír ás 18:20, para as familias que xustifiquen dita necesidade. O persoal ten un calendario anual do 24 de agosto ao 13 de xullo.

Os Nidi teñen un máximo de 70 nenas/os. Todo o persoal traballa 31 horas semanais na súa función e cinco dedicadas a xuntanzas pedagóxicas, formación continuada, elaboración de proxectos, participación das familias, etc.

As Scuole dell'Infanzia teñen un máximo de 104 nenos, aínda que normalmente non pasan dos 78, e poden ser de dúas, tres ou catro aulas. Existen sempre dúas educadoras por clase, unha educadora para o servizo da tarde, un/unha atelierista (profesional diplomado en arte), unha cociñeira e dúas ou tres auxiliares de limpeza e cociña a xornada completa, ademais de dúas ou tres a media xornada. Todo o persoal traballa 30 horas semanais na súa función e seis horas para as outras actividades xa sinaladas.

Os gastos son cubertos polo concello e as familias; no caso dos Nidi as familias aportan un 22,90% e no caso das Scuole dell'Infanzia, un 19,75%.

Ademais, o Concello de Reggio dispón doutros servizos para un adecuado funcionamento das escolas: un director xeral pedagóxico, un equipo de coordinadoras pedagóxicas, unha psicóloga, un Centro de Documentación e Investigación Educativa, un Laboratorio de Animación Teatral, un Centro de Vídeo, un Centro Fotográfico e un Centro de Reciclaxe Creativo xestionado por persoal voluntario.

A Universidade Virtual do Estado de Sao Paulo (Brasil), despois dunha visita a Reggio Emilia, editou o seguinte vídeo que nos permite facérmonos un achegamento a esta imprescindible experiencia:



Ningún comentario: