Despois de que
durante moitos anos predominase unha visión da intelixencia baseada na
psicometría e na posibilidade da predición da mesma, as cousas comezaron a
mudar no ano 1983 cando Howard Gardner presentou a chamada teoría das Intelixencias múltiples, no seu libro Estructuras de la mente. La teoría de las
inteligencias múltiples, desde entón as súas teses viviron varias
actualizacións e, sobre todo, unha importante acollida no mundo educativo.
Para chegar á súa
teoría Gardner, partindo dunha concepción teórica da intelixencia como o
potencial psicobiolóxico para procesar a información que se pode activar nun
marco cultural co obxecto de resolver problemas ou crear produtos que teñan
valor para a cultura, realizou análises
pormenorizadas sobre o que sabemos da especie humana e como evolucionou ao
longo de milleiros de anos; recorreu á neuroloxía para estudar como se organiza
o cerebro, que partes son as responsables das diferentes capacidades e
habilidades do ser humano; estudou a persoas consideradas prodixiosas e tamén a
outras con alteracións producidas por lesións cerebrais, por alteracións no seu
desenvolvemento como as autistas, que teñen importantes dificultades á hora de
comunicarse, e a persoas con disfuncións na súa aprendizaxe e que podían
aprender algunhas cousas pero non outras; e estudou un amplo abano de
habilidades que foron valoradas durante toda a historia da humanidade. Todas
estas liñas de traballo: a xenética, a neuroloxía, a antropoloxía, a educación
e a psicoloxía, levárono a decatarse de que a visión tradicionalda intelixencia, aínda moi presente nos noso días, é unha visión moi
limitada e estariamos moito mellor se a trocásemos por outra visión múltiple e
pluralista.
Gardner utiliza,
para explicar a súa proposta, a seguinte analoxía: a concepción clásica da
intelixencia dinos que a mente é como un ordenador, se funciona ben, seremos
moi bos en todas as esferas da vida; se traballa mal, seremos malos en todo, e
se somos do montón, como a maioría, teremos unha capacidade media en todas as
cousas. Gardner opina que isto está totalmente equivocado, que os seres humanos
temos distintos ordenadores, distintos procesadores na cabeza: seis, sete,
oito, nove, dez... Todas as persoas temos estes ordenadores na nosa cabeza, mais
o procesador dos idiomas funciona mellor nunha cabeza, noutra faino mellor o da
música, noutro caso é o ordenador espacial o que funciona e noutra persoa os procesadores
interpersoais.
Obviamente isto
só é unha metáfora, mais seguindo con ela, poderiamos afirmar que todas as
persoas posuímos unha serie de sistemas e dispositivos a través dos cales
coñecemos o mundo. No momento actual a teoría das intelixencias múltiples
concreta oito intelixencias; aínda que poderiamos pensar que se temos oito, seguramente
hai máis. Analicemos brevemente cada unha desas intelixencias:
- A intelixencia lingüística: O que se sabe debe poderse comunicar. É a
capacidade de utilizar palabras de maneira eficaz, xa sexa oralmente ou por
escrito. Posuíla permite recordar, analizar, crear, á vez que outorga
sensibilidade para os sons, os tons, os significados e as funcións das
palabras. É a da xente que ten moitas habilidades lingüísticas –escribir, ler,
contar contos, falar en público, ...-, a intelixencia dun poeta, dun escritor,
dun xornalista ou dun avogado, tamén é a da xente que é boa cos idiomas.
- A intelixencia lóxico-matemática: É a capacidade de manexar os números de
xeito eficaz e de razoar ben con eles, incluíndo a sensibilidade para as
relacións lóxicas e habilidades como a categorización, a dedución, a
clasificación, a realización de cálculos ou a formulación e comprobación de
hipóteses. É a dos científicos e a dos matemáticos.
Cando se utiliza a palabra intelixente no mundo occidental, xeralmente
referímonos a persoas que son boas cos idiomas e a lóxica, e debido ao tipo de
educación que temos na actualidade, a xente que é boa en idiomas e en lóxica
consegue bos resultados nas escolas. Mais cando esas persoas abandonan a escola
e teñen que realizar outro tipo de funcións e traballos, descubrirán que hai
outros tipos de intelixencias que tamén son importantes.
Cales son esas outras intelixencias?
- A intelixencia musical: O mundo está cheo de grandes posibilidades
acústicas que non sempre poden ser captadas. Esta intelixencia está concibida
como a capacidade de percibir, discriminar, transformar e expresar as pautas
musicais, incluíndo a sensibilidade ao ritmo, o ton, o timbre e a melodía, dos
diferentes sons, toda esta variedade que ofrece a expresividade musical
unicamente a captan as persoas que posúen esta intelixencia.
- A intelixencia espacial: Vivimos no espazo e a capacidade de pensar en
tres dimensións é propia desta outra intelixencia, definida como a capacidade
de percibir o mundo visual e espacialmente e de poder facer transformacións
baseadas nesas percepcións, codificar e descodificar a información gráfica, ser
sensible á cor, á liña, á forma ou ao espazo. Expoñentes desta intelixencia son
persoas que poden visualizar distintos tipos de espazos complexos ou poden
navegar neses mundos espaciais. É a intelixencia dos navegantes e dos pilotos,
mais tamén a do escultores, ciruxáns, artistas gráficos ou arqutectos.
- A intelixencia cinético-corporal: Consiste no dominio do propio corpo
para expresar ideas e sentimentos, incluíndo habilidades físicas específicas
como o equilibrio, a coordinación, a destreza, a forza ou a velocidade, xunto
coas capacidades propioceptivas (que proporcionan información sobre o propio
corpo) e táctiles. É a intelixencia dun atleta, dun bailarín ou dun xoieiro.
- A intelixencia interpersoal: É a que nos permite comprender as
demais persoas, percibir e distinguir os
seus estados de ánimo, as súas intencións, motivacións e sentimentos, sentando
as bases para unha adecuada interacción con elas. Quen ten esta intelixencia
ben desenvolvida non ten dificultades para traballar en equipo, empatiza ben coas
demais persoas, aprecia as opinións diferentes da súa e é capaz de crear unha
boa relación co resto do grupo. É a de a xente do mundo dos negocios, mestres,
clínicos, políticos, que coñecen outras persoas e saben como motivalas.
Expoñentes desta intelixencia que calquera de nós podería recoñecer serían:
Gandi, Martin Luther King ou Nelson Mandela.
- A intelixencia intrapersoal: Fai referencia á capacidade de coñecerse a
si mesmo, ter unha visión precisa das nosas forzas, as nosas debilidades, os
nosos temores, os nosos obxectivos e como conseguilos. Implica a autorreflexión
e a correcta percepción dun mesmo coas habilidades e limitacións propias.
Quizais non fose importante fai cen anos porque a xente facía o que facían os
seus pais e eles facían o que facían tamén os avós. Actualmente, a xente vive
onde quere vivir e con quen quere, elixe o traballo que quere desenvolver e, se
non lle gusta, cambia a outro. E para facelo ben hai que ter unha grande
comprensión dun mesmo, se non, tomaremos decisións equivocadas.
- A intelixencia naturalista: Ofrece a capacidade de distinguir, clasificar
e utilizar obxectos, animais ou plantas nos distintos ambientes nos que nos
movemos. Ten que ver coa sensibilidade para admirar a flora natural, a
habilidade para coidar e interactuar con seres vivos e o recoñecemento e
clasificación de diferentes especies. Aínda que haxa quen poida pensar que este
tipo de intelixencia non ten tanta funcionalidade, a verdade é que toda a
cultura do consumismo se basea nesta intelixencia naturalista; utilizámola para
decidir comprar unha cousa en lugar doutra. E o mesmo tecido cerebral que os
nosos antecesores utilizaban para cazar, pescar e recoller, agora utilizámolo
para comprar produtos comerciais. Cando imos ao mercado e comparamos unha
laranxa con outra, utilizamos a nosa intelixencia naturalista ou natural.
Gardner fala tamén
da posibilidade dunha intelixencia existencial, relacionada coas grandes
preguntas que nos facemos os seres humanos, e quizais haxa máis de nove…, mais
o importante é comprender que esta teoría de oito, nove ou dez intelixencias lévanos
a tirar dúas conclusións: a primeira é que todo o mundo debe poder utilizar as
súas intelixencias, e a segunda é que non existen dúas persoas que teñan
exactamente a mesma configuración de fortalezas e debilidades, de picos e vales,
aínda que sexan xemelgas idénticas non van ter o mesmo perfil de intelixencia.
Howard Gardner nado
en Scranton, Estados Unidos o 11 de xullo 1943, é un psicólogo, investigador
e profesor da Universidade de Harvard, coñecido no ámbito científico polas súas
investigacións na análise das capacidades cognitivas e por ter formulado a
teoría das intelixencias múltiples, que o fixo merecedor do Premio Príncipe de
Asturias das Ciencias Sociais 2011. É codirector do Proxecto Zero na Escola Superior de
Educación de Harvard, onde desenvolve o seu labor docente como profesor de
educación e de psicoloxía, tamén é profesor de Neuroloxía na Facultade de
Medicina de Universidade de Boston.
Ningún comentario:
Publicar un comentario