sábado, 7 de decembro de 2013

Por unha idea de nena/o con potencialidades

É evidente que existe na actualidade unha preocupación social, que non sempre política, por garantir as condicións de vida máis favorables posibles para as nenas e nenos máis pequenos e, precisamente por esa razón, as e os profesionais da primeira infancia temos a obriga de afondar no coñecemento do que poderiamos chamar unha cultura da infancia. Sen dúbida, os primeiros anos da vida constitúen unha etapa apaixonante da que aínda  nos queda moito por descubrir...

Hai dúas formas antitéticas de ver as capacidades dunha nena ou neno nos primeiros anos da súa vida:
A posición máis estendida é aquela que fala da infancia destacando as súas necesidades, todas e todos sabemos que durante os seus primeiros anos os nosos conxéneres precisan de persoas adultas que lles cubran unha serie de necesidades básicas para poder sobrevivir (alimentación, limpeza, descanso, ...). Agora ben, é isto o máis importante? Fronte a esta posición, moi estendida, atopariamos outra que defende as enormes potencialidades das nenas e nenos e a capacidade de relacionarse co mundo circundante desde os primeiros momentos da súa vida. 

Mentres que o primeiro argumento alenta propostas de intervención baseadas no coidado e na protección, cunha visión de carácter asistencial dos servizos pensados para a infancia, se nos situamos na segunda posición, as propostas de relación basearanse na xeración de contextos ricos e estimulantes nos que as nenas e nenos se relacionen cos obxectos, entre si e coas persoas adultas, sendo as/os principais protagonistas na construción do seu desenvolvemento.

Considerar as nenas e nenos desde unha nova perspectiva, como suxeitos competentes, curiosos, activos e interactivos, debe levarnos a respectar os seus diferentes tempos e ritmos persoais e, nese senso, (re)pensar o traballo docente de forma que se poidan construír experiencias máis significativas con elas/es, deixando atrás perspectivas e proxectos caracterizados por orientacións puramente prescritivas. Desde esta nova concepción, o papel do/a educador/a desenvólvese fundamentalmente sobre o deseño e organización de contextos e non sobre a proposta de estímulos directos centrados na acción das nenas e nenos, centrándose máis sobre a capacidade de recoñecemento e expansión da diversidade dos estilos de condutas das nenas e nenos que sobre a ansia de conducilas cara actuacións precisas e (pre)definidas.

Con todo, non é este un camiño doado de percorrer como ben acredita a seguinte reflexión de Loris Malaguzzi (La educación infantil en Reggio Emilia. Octaedro-Rosa Sensa, Barcelona, 2001): "Pensade que todos os que nestes últimos corenta anos se puxeron, seriamente, a investigar sobre os nenos, remataron sempre por descubrir non tanto as súas debilidades e límites, canto a forza sorprendente e extraordinaria das súas potencialidades. Pero pensade, tamén, que esta incrible acreditación das capacidades dos nenos pequenos non modificaron para nada as eleccións económicas, políticas e lexislativas dos gobernos nacionais e dos centros de poder internacional. E pensade, polo tanto, que o destino e os intereses dos nenos permanecen nos últimos postos na escala das prioridades de financiamento e de intervención en calquera país da Terra".

Aldo Fortunati, psicopedagogo, investigador da infancia e Presidente do Centro de investigación e documentación sobre a infancia La Bottega di Geppetto, do concello de SanMiniato, na súa obra La educación de losniños como proyecto de la comunidad, publicada en español pola editorialOctaedro-Rosa Sensat (2006), recolle o seguinte poema, da súa autoría, no que reivindica unha outra concepción da infancia:

Por unha idea de neno

Por unha idea de neno rico,
na encrucillada do posíbel,
que está no presente
e que transforma o presente en futuro.

Por unha idea de neno activo,
guiado, na experiencia,
por esa extraordinaria especie de curiosidade
que se viste de desexo e de pracer.

Por unha idea de neno forte,
que desdeña que a propia identidade
sexa permutada coa do adulto
para ofrecela, porén, aos xogos de cooperación.

Por unha idea de neno sociable,
capaz de encontrarse e enfrontarse
cos outros nenos
para construír novos puntos de vista e novos coñecementos.

Por unha idea de neno competente,
artesán da propia experiencia
e do propio saber
cerca de e xunto o adulto.

Por unha idea de neno curioso,
que aprende a coñecer e a entender
non porque renuncie, senón porque nunca deixa,
de abrirse ao sentido do estupor e a marabilla.

Poema orixinal:


PER UN’IDEA DI BAMBINO

Per un’idea di bambino ricco,
al bivio dei possibili
che stanno nel presente
e che trasformano il presente nel futuro.

Per un’ idea di bambino attivo,
guidato, nell’esperienza,
da quella specie straordinaria di curiosità
che si veste di desiderio e di piacere.

Per un’ idea di bambino forte,
che rifiuta la propria identità
al baratto con quella dell’adulto
per offrirla, invece, ai giochi della cooperazione.

Per un’idea di bambino socievole,
capace di incontrarsi e confrontarsi
insieme con gli altri bambini
per costruire nuovi punti di vista e conoscenze.

Per un’idea di bambino competente,
artigiano della propria esperienza
e del proprio sapere
accanto e insieme all’adulto.

Per un’ idea di bambino curioso,
che impara a conoscere e capire
non perchè rinuncia, ma perchè non smette mai,
di aprirsi al senso dello stupore e della meraviglia.

Aldo Fortunati



A través da lectura de La educación de los niños como proyecto de la comunidad poderemos achegármonos á experiencia de San Miniato, onde se desenvolve un interesante programa de educación comunitaria que, tendo como principais fundamentos o protagonismo da infancia, o carácter aberto e colexiado do traballo educativo e a participación das familias, vén pondo en funcionamento un conxunto de servizos educativos destinados ás diferentes necesidades e demandas das nenas e nenos e das familias.

A experiencia de San Miniato permítenos constatar que é posíbel ollar as nenas e nenos e as súas familias desde outra perspectiva, como protagonistas do proceso educativo, o que terá como consecuencia una (re)definición do papel do persoal educativo tanto na súa maneira de pensar e facer pedagoxía como na concepción dos espazos destinados á primeira infancia.  Nun momento histórico como o actual, marcado polo avance das concepcións neoliberaino que atinxe as persoas e aos servizos, o empobrecemento das experiencias humanas, o deterioro das relacións sociais ou o aceleramento da vida..., a lectura desta obra convértese nunha fonte de inspiración que nos permite constatar que, máis aló dos soños, a construción doutro mundo é posíbel ...

Ningún comentario: