O obxectivo que nos marcamos é crear as condicións adecuadas
para organizar a participación, visitas e encontros de diferentes centros e/ou
colectivos relacionados coas titulacións da familia profesional: escolas de
educación infantil, centros de maiores, persoas discapacitadas, etc. Será este
un achegamento intencional aos xogos tradicionais por parte dos mesmos, o primeiro
nalgúns casos e de memoria noutros. A través destes eventos o alumnado terá a
oportunidade de establecer un contacto, previo á FCT, cos diferentes colectivos
aos que vai dirixida a súa formación como técnicos/as de Educación Infantil,
Integración Social ou Atención a persoas en situación de Dependencia. Ademais, pretendemos
recuperarmos e por en valor un elemento fundamental do noso patrimonio e da
nosa cultura como son os xogos tradicionais.
A proposta para intervir no espazo exterior do Edificio que acolle á nosa familia profesional,
despois das primeiras análises da situación de partida, intenta adaptarse ao
tipo de chan existente e á idoneidade das superficies máis acaídas para a práctica
de distintos xogos. Dividimos o espazo a intervir segundo as tres tipoloxías
existentes no exterior do centro:
- Chan duro. Este é o chan con maior superficie, ideal para crear un espazo mixto, cunha superficie cimentada sobre a que se puideran pintar xogos como A Mariola ou un circo para xogar aos Trompos. Nestes momentos non temos espazos de terra, máis acaída para a práctica da Billarda por exemplo, polo que sería bo manter esta reflexión para futuros (re)acondicionamentos. Nesta zona, propómonos incluír os seguintes xogos: a Mariola, as Chapas, o Brilé, as Carreiras de sacos, os tres pés, o Trompo, os Birlos e a Billarda.
- Chan brando (de herba). Para xogar e máis para sentar se fora o caso. Superficie branda para poder facer buracos, para xogos como as Bólas ou a Porca. Os xogos desta zona serían: a Porca, as Bólas e a Chave.
- Outros espazos. Para futuras ampliacións do proxecto, consideramos importante complementar os espazos para o xogo con paneis explicativos sobre o desenvolvemento dos mesmos. Tamén proxectamos crear un lugar para a construción de xoguetes ou a decoración dos bancos con xogos de taboleiro. Propoñemos neste apartado: as Tres en raia, o Moíño, columpio (de ser posíbel), paneis explicativos, obradoiro de enredos.
De xeito complementario e como propostas de acción para incluír
na dinámica do propio centro, proponse as seguintes accións:
- Adaptar o lugar dedicado aos xogos, con máis xogos que encaixen dentro da arquitectura do propio espazo, ao tempo que nos falen dos costumes tradicionais da nosa cultura. Neste senso, pretendemos debuxar, pintar ou insculpir distintos xogos de taboleiro nos bancos que alí se coloquen (O Moíño e As tres en raia).
- Espazo de recompilación de oralidade. Cada grupo que visite o Centro “pagará”, na medida das súas posibilidades, cun conxunto de recitados, xogos orais ou xogos con materiais recollido na súa zona, compilando así un material documentario de arquivo e consulta. Desde o centro prepararanse os documentos base por se os centros os requiriran.
- Obradoiro de enredos ou xoguetes. Ademais dunha exposición de material, procurarase que cada visitante constrúa o seu propio enredo, aproveitando as distintas épocas das visitas para falar dos elementos que se poden atopar no noso contorno (noces, castañas, avea, canas...).
Como primeiras accións na implementación do proxecto,
aproveitamos o momento da celebración do Magosto deste curso para por en
contacto á comunidade educativa con diferentes xogos tradicionais, que foron
presentados polo alumnado do ciclo de educación infantil,
tendo como eixo central o trompo.
Na mesma liña, o pasado día 13 de novembro, da man de Juan José García Rodicio, tivemos a ocasión
de achegármonos ao tradicional xogo dos Bolos de Parada, recuperado nos últimos
anos por un grupo de veciños de Parada de Sil.
Foi unha enriquecedora xornada na que as persoas participantes puidemos reflexionar
sobre o valor e a importancia de por en valor os recursos patrimoniais ao tempo
que aprendemos as particularidades do xogo dos bolos de Parada facendo unha
comparativa coas variantes do xogo dos bolos en distintas zonas da xeografía
galega.



Ningún comentario:
Publicar un comentario