luns, 16 de novembro de 2015

Segue a ser Moderna a pedagoxía Freinet no século XXI?

Non podedes preparar ao voso alumnado para que constrúa mañá o mundo dos seus soños si vós xa non creedes neses soños; non podedes preparalo para a vida, si non creedes nela; non poderiades amosarlle o camiño, si vos tedes sentado, cansos e desalentados na encrucillada dos camiños.

Célestin Freinet

A educación é un ámbito no que é complicado que os cambios se incorporen dun xeito universal. As resistencias por parte do sistema tradicional son moi grandes, como acredita o feito de que tantas experiencias innovadoras sigan, a día de hoxe, considerándose pedagoxías alternativas. Unha desas experiencias é a pedagoxía Freinet.

Célestin Freinet foi un mestre rural e pedagogo francés fondamente comprometido co ensino público e coa renovación pedagóxica, impulsor dunha nova maneira de educar e de ver o mundo desde a profesión docente. Segundo el mesmo nos apuntou, a súa xeira comezou durante a Primeira Guerra Mundial onde sofre unha ferida no pulmón, consecuencia da cal quedará afectado para poder manter unha conversa co seu grupo de alumnos e alumnas ao completo durante un tempo sostido. Foi esa unha das razóns que lle impulsaron a buscar novas vías de motivación e estimulación das aprendizaxes no seu alumnado. É así como se xesta a súa gran preocupación pola renovación educativa, cristalizada na Cooperativa de ensinanza laica, partindo da idea de formar persoas libres, que poidan desenvolver con maior facilidade a súa personalidade e a súa capacidade creadora. Un dos seus retos foi o de humanizar a escola facendo o traballo que nela se desenvolve máis pracenteiro para docentes e alumnado, e para iso propón que a escola debe impregnarse da vida da comunidade. Entre as súas numerosas obras destacan: Consellos aos mestres xoves; Diario escolar; Os métodos naturais; Por unha escola do pobo; Técnicas Freinet da escola moderna.

Comeza os seus traballos como mestre rural en Gars, o seu pobo natal, establecéndose máis tarde, a partir de 1928, en Vence. A súa obra destaca pola cantidade de técnicas que foi capaz de aplicar na escola co afán de captar a motivación do seu alumnado. Fronte ao anquilosamento das formas tradicionais de entender o traballo educativo, Freinet proponse introducir novas maneiras de levar a cabo a práctica, algo que o pensamento educativo xa tiña concibido desde anos atrás, da man de pedagogos predecesores seus que xa viñan optando por unha concepción diferente da infancia xunto cun novo rol docente e coa re-concepción do uso dos espazos e dos materiais didácticos nas escolas. 

A súa ilusión por facer e cambiar as cousas, promovendo a ruptura cos esquemas da educación tradicional e a súa rebeldía fronte ao poder establecido, xunto co feito de apostar por unha pedagoxía crítica e ao servizo do pobo, ocasiónanlle, no ano 1933, unha sanción na escola pública. Nese momento, xunto coa súa compañeira Elise, mestra coma el, toman a decisión de abandoar a súa praza pública creando unha escola privada, no mesmo pobo de Vence, concibíndoa como un laboratorio pedagóxico, na que vai seguir traballando co seu método aberto ao medio.

Freinet, a pesar da súa sólida formación, non é un teórico, máis ben todo o contrario, é un obseso da realización práctica. Aínda así, defende que non se pode facer unha planificación dun período de ensinanza sen partir do estudo do desenvolvemento das crianzas e, principalmente, do seu desenvolvemento psicolóxico.

Do estudo do psiquismo humano resalta distintas particuradidades:
  • A permeabilidade á experiencia.
  • A capacidade de ir modelándose a si mesmo.
  • A configuración da conduta en función das experiencias que se desenvolven  na mente.
  • A importancia da aprendizaxe por tanteo (ensaio e erro), se ben este marcador será moito máis produtivo cando sexa guiado.
Nun tempo histórico caracterizado pola carreira das especializacións, no que o saber establecido perdía vixencia, Freinet aposta por preparar ao alumnado no método para adquirir coñecementos, máis que facerlles aprender feitos, teorías e leis concretas, aínda que sen desprezar nunca a importancia destas. Basicamente trátase de favorecer que o alumnado descubra por si mesmo o que outras persoas descubriron antes.

O seu compromiso coa sociedade vese reflectido na súa activa militancia antifascista e no desenvolvemento de iniciativas que garanten un ensino de calidade desde as políticas de esquerdas.

Técnicas Freinet

Un dos grandes legados de Freinet foron as súas Técnicas, recollidas e desenvolvidas en pequenas publicacións que conforman a Biblioteca do Educador Moderno. Dada a extensión da proposta de Freinet optamos por facer un breve recorrido por algunha das súas técnicas coa intención de analizar a súa capacidade de adaptar cousas sinxelas que ao mesmo tempo poden resultar motivadoras á práctica da aula. 


A saída pedagóxica

Como antes xa intuiran outros pedagogos da Escola Nova, Freinet aposta decididamente polo achegamento da escola á realidade, buscando a conexión co medio natural e social. As saídas da aula como método de ensino-aprendizaxe foran xa experimentadas por outros mestres, mais é con el que toman unha verdadeira dimensión renovadora. As posibilidades que brinda a saída de cara á motivación do alumnado e á significatividade das aprendizaxes das crianzas abre posibilidades moito máis ricas que o que se pode aprender sen franquear os muros da escola.

As saídas teñen unha finalidade e son programadas minuciosamente, de xeito que mestre/a e alumnado poidan compartir momentos, observacións, reflexións e aprendizaxes nunha relación as máis das veces moito máis personalizada que a que se produce na aula.

As observacións das crianzas fan xurdir dúbidas que poden ser resoltas de xeito cooperativo ou coa participación da persoa adulta.

No canto de dormitar fronte a un texto de lectura, logo da clase de mediodía saiamos ao campo que bordeaba a aldea. Non examinabamos xa escolarmente ao noso arredor a flor ou o insecto, a pedra ou o río. Sentiámolo con todo noso ser, non só obxectivamente, senón con toda nosa natural sensibilidade. (Freinet)

O Texto Libre

É tarefa do/a mestre/a e do/a educador/a fomentar e facer xurdir a necesidade de comunicación no seu alumnado, para iso deberá ser quen de promover a motivación. O texto libe é un método natural no que as nenas e nenos tenden a expresarse sen trabas de ningún tipo sobre o tema que lles interesa. A/O mestra/e intentará ponderar a importancia da palabra escrita na comunicación, facendo que esta sexa sobre todo expresión e comunicación, de aí a importancia de partir das vivencias reais do alumnado e dos seus propios textos.

Cando as/os nenas/os son moi pequenos e aínda non saben escribir, a comunicación prodúcese de forma oral, sendo a/o mestra/e a/o encargada/o de pasar as palabras a grafismos, servindo estes de base para o proceso de aprendizaxe da lectoescritura.

Os nenos e nenas que xa saben escribir redactan os seus propios textos, lendo cada un o seu na aula. Logo faise unha votación coa intención de escoller o máis representativo e, a partir de aí comeza un traballo laborioso no que, de xeito cooperativo, se van propoñendo recursos gráficos e estilísticos que corrixan e embelezan o texto. Dese xeito, a obra final será de todos e todas os compoñentes do grupo.

A partir do texto os nenos e nenas compoñen, debuxan, aprenden vocabulario, regras gramaticais, etc. De aí a importancia de pór coidado en que todas as crianzas teñan a oportunidade de ser elixidas.

A imprenta escolar.

Técnica adaptada no ano 1917 co fin de plasmar e difundir os textos libres elaborados polo seu alumnado despois das saídas pedagóxicas.

O instrumento é unha imprenta sinxela, construída na propia aula, e que servirá de enxeño técnico para a elaboración do periódico escolar, ademais de medio de traballo. Grazas á imprenta o alumnado mantense activo na aula, e atopa a motivación de ver os seus traballos impresos e publicados.

A imprenta supón a posibilidade de traballar en equipo, rotando as funcións dentro da aula e fomentando a responsabilidade individual e grupal. 



A motivación que este instrumento introducía nas clases de Freinet sería comparable ás últimas achegas tecnolóxicas do momento actual.  

A correspondencia interescolar.

O feito de que as técnicas Freinet se difundisen dun xeito considerábel tanto en Francia como nalgúns outros países, xunto coa vocación cooperativa da propia pedagoxía freinetiana da pé a esta ténnica na que cada aula ou cada escola terá, noutro lugar, outra elixida como homóloga coa que intercambiará as súas experiencias. Nesta outra escola, cada alumno e alumna escollerá a outro co que intercambiará a súa correspondencia, o que volve ser outra fonte de motivación para acentuar o carácter comunicativo da lecto-escritura.

A orixe da experiencia remóntase ao ano 1926, establecendo comunicación por medio de cartas entre a escola de Freinet e a de Saint Philibert, as dúas xa dispuñan de imprenta.

Esta técnica contribúe ao desenvolvemento da socialización e das habilidades comunicativas das crianzas, sendo asemade de gran axuda na aprendizaxe da historia, a xeografía, a economía, etc. Cando se leva a cabo entre escolas de distintos países, convértese nun medio ideal para a práctica doutras linguas. Nestes casos os intercambios eran sobre todo de periódicos.

O diario escolar.

Tamén coñecido como periódico, é a continuación do texto libre, xa que se compón dunha colección destes, debidamente editados. Unha vez confeccionado o periódico distribúese entre os correspondentes, as familias e persoas abonadas...

Os plans de traballo.

Como xa apuntamos, a pedagoxía Freinet non deixa aspectos á improvisación, concedéndolle unha singular importancia á programación da vida da escola, que xira en torno a proxectos. Neste ámbito hai que destacar os seguintes aspectos:

  •  As fontes de información son a vida real (observación), as persoas adultas, revistas, documentos variados, a correspondencia, os libros....
  • A mecánica de estudio pivota sobre as fontes de información escrita que estarán na biblioteca escolar e no ficheiro escolar, dado que Freinet rexeita o libro de texto polo seu carácter domesticador e de reprodución social.
  • A orde e graduación dos temas a estudar está adaptada ás características do alumnado.
  • Un dos principios básicos desta pedagoxía é atender ás inquedanzas do alumnado. Hai que ter en conta que cando un clima de traballo como o que propón Freinet se instaura na aula, o alumnado acepta de mellor grado as propostas da/do mestra/e.
A orde do programa queda garantida polos Plans de Traballo, que son guías orientativas da labor do alumnado, nas que aparecen rexistrados os obxectivos a cumprir e as actividades a realizar: fichas a estudar, exercicios, temas a traballar na biblioteca, redaccións, traballos manuais, responsabilidades na dinámica da aula, etc.

O/A mestre/a deberá estar constantemente á disposición do seu alumnado, ademais de realizar aquelas actividades nas que ten unha intervención directa, nese sentido entre as súas responsabilidades destacan:
  • O control dos traballos que se están realizando.
  • As reunións cos diferentes grupos co obxecto de analizar os textos, traballos ou conferencias.
  • Cada semana confronta con cada alumno e alumna o plan semanal, comprobando as variacións producidas. Estas avaliacións non culminan cunha cualificación, senón nunha toma de conciencia da posición respecto das metas por parte de alumnado e profesorado. Nas gráficas preparadas iranse poñendo unhas marcas orientativas acerca da situación persoal de cada crianza. Estas gráficas pretenden facer máis controlable o proceso desde todas as instancias, implicando tamén ás familias, na medida do posible.



Despois deste pequeno percorrido por algúns dos trazos da obra dunha das personalidades pedagóxicas máis destacadas do século XX podemos voltar á pregunta que servía de título a esta entrada.

Comezado o século XXI, cando na nosa contorna estamos a vivir as consecuencias da implantación dunha lei tan regresiva como a LOMCE, seguimos a atopar na pedagoxía Freinet moitos aspectos que nos fan seguir vendo as súas propostas como modernas a pesar do tempo pasado desde que el e maila súa compañeira Elise, nun primeiro momento, e moitas outras mestras e mestres despois, comezaron a experimentar a súa pedagoxía.

Que se pode dicir senón dunha proposta tan fondamente comprometida co ensino público, democrático e creativo, que persegue unha escola para todas e todos. Unha escola que asenta os seus alicerces sobre un profesorado que, alén da súa formación incial, busca sen descanso a formación permanente, valéndose as máis das veces da cooperación con outras e outros profesionais coas mesmas inquedanzas. Unha escola que cre no alumnado, que escoita e ten en conta as súas opinións, promovendo a participación e a toma de decisións conxuntas e o reparto de responsabilidades. Unha escola crítica que rexeita os libros de texto, buscando alternativas aos mesmos a través da biblioteca ou do ficheiro escolar. Unha escola achegada á realidade, conectada con ela a través das saídas, das investigacións e posta en valor da contorna nas súas vertentes natural, xeográfica, social... Unha escola que rexeita o individualismo e a competitividade, promovendo como alternativa a cooperación e o traballo grupal.  Unha escola permeábel aos avances tecnolóxicos e científicos. Unha escola aberta ao contorno e sobre todo ás familias. Unha escola que terma da ilusión por facer e cambiar as cousas, compartindo os seus logros e poñendo as bases para unha sociedade mellor.

Definitivamente, a pedagoxía Freinet segue a ser moderna no século XXI e nas nosas mans está a súa actualización e posta en valor.



No mes de maio do ano 2006, na Universidade de Valencia, desenvolveuse o curso Actualidade da Pedagoxía Freinet, coa participacipación de profesionais de distintas xeracións interesadas pola renovación pedagóxica e directamente implicadas na mesma. Este é o vídeo no que se recollen as conclusión do curso:    


xoves, 18 de xuño de 2015

As nosas cousiñas de infantil

As nosas cousiñas de infantil é o nome do bog creado, ao longo deste curso, por alumnado que está a cursar o ciclo superior de educación infantil no CIFP Portovello, polo réxime das persoas adultas na modalidade presencial. A intención deste proxecto é achegar a todas as persoas interesadas no mundo da atención educativa á primeira infancia ás posibilidades tradición oral, do patrimonio e da cultura galega.

Do mesmo xeito que noutras entradas do mesmo tipo que viñemos realizando en datas recentes, nas que presentamos diversos proxectos desenvolvidos por alumnado do Ciclo superior de educación infantil, saudamos moi positivamente esta iniciativa. Unha aposta decidida pola creación dun banco de recursos compartido que pode enriquecer o noso traballo na educación infantil desde a posta en valor do noso ben máis prezado, a cultura propia.

Aderezamos a nosa benvida cunha cita de Loris Malaguzzi, reiteradamente compartida co alumnado das nosas aulas:

"Todos aqueles ... que se puxeron a reflexionar seriamente sobre @s nen@s sempre acabaron por descubrir non tanto as debilidades e os límites da infancia, senón máis ben a espantosa e extraordinaria forza das súas potencialidades, das súas capacidades e o seu inmediato protagonismo interactivo. (...) un dos puntos principais da nosa filosofía, cadra con esa imaxe d@ nen@. Un nen@ que, desde o nacemento, desexa sentirse parte do mundo, usar activamente unha complexa (e non aínda valorada) rede de capacidades e de aprendizaxes, e capaz de organizar relacións e mapas de orientación persoal, interpersoal, social, cognitiva, afectiva e, mesmo, simbólica".

Cantas veces buscamos alén de nós ideas para as nosas propostas educativas, esquecendo o valor do que temos máis preto...

Parabéns polo traballo e ánimo para seguir investigando nesta mesma liña!



martes, 26 de maio de 2015

Inauguración da aula Recaredo Paz no CIFP Portovello de Ourense. Proxecto de humanización dos espazos do centro

O CIFP Portovello é o centro no que veño desenvolvendo o meu traballo ao longo dos últimos anos. Trátase dun centro integrado de Formación Profesional da cidade de Ourense no que se imparten tres familias profesionais: Administración e empresas, Comercio e márqueting e Servizos socioculturais e á comunidade. As particularidades do centro fan que as ensinanzas se repartan en dous edificios diferenciados. O edificio A, que alberga os estudos de Administración e os de Comercio e o Edificio B, que acolle á familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.

O presente proxecto nace e desenvólvese no edificio B (praza Fernando Fulgosio), un antigo colexio de EXB (data dos anos 70), que despois de varias adaptacións, hoxe en día alberga a alumnado de Formación profesional das titulacións de Técnic@ superior en educación infantil, Técnic@ superior en integración social e Técnic@ en atención a persoas en situación de dependencia. Todas elas profesións relacionadas coa prestación de servizos a persoas.

As particularidades arquitectónicas do edificio leváronnos a concibir a humanización do mesmo como se do espazo dunha cidade se tratase, de maneira que os espazos a humanizar fosen máis aló das aulas e incluísen tamén os corredores, prazas e outros espazos que habitamos, transitamos e vivimos ao longo do día as persoas da comunidade educativa.


Inspirándonos na obra A cidadedos nenos de Francesco Tonucci, a idea permitiunos (re)pensar o centro, para así querelo dun xeito diferente, adecuándoo a todas as persoas que o habitamos ou nos visitan. O feito de que o edificio (re)comece a súa humanización, abandonando a frialdade do anterior sistema de denominación numérico e achegándonos a figuras, movementos, institucións ou conceptos relevantes para as persoas que día tras día transitan por el, concedeunos unha oportunidade de intentar loitar por un espazo máis áxil e sinxelo, no que as persoas sexan tidas en conta. Abríndose, diante de nós, novas posibilidades de aproveitamento dos espazos tanto no que se refire a cuestións de carácter formativo como a aqueloutras que teñen que ver coas propias relacións humanas. Os espazos cumpren así unha dobre función, de traballo e formación por unha banda, mais tamén de comunicación e de encontro.

O proceso de elección das figuras que ían encabezar os espazos escollidos para ser nomeados foi un proceso participativo, no que se pretendeu que se tratase de figuras ou experiencias senlleiras e significativas para as persoas da comunidade educativa. Cada aula, cada corredor e cada praza do centro debía ser humanizada e o nome que se lle ía dar debía conectar dalgunha maneira cos intereses das persoas que dun xeito máis habitual ocupaban eses espazos. Fóronse facendo propostas, que se debateron e consensuaron polo equipo até chegar á proposta final.

Deste xeito Florence Nightingale ou o Movemento de vida independente, serven para nomear aulas ocupadas polo alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia; Virginia Henderson ou Olimpia Varela dan nome a algúns dos corredores, convertidos en rúas, que nos conducen ás aulas; as prazas, amplos espazos cos que conta o edificio nos seus diferentes andares, pasan a adoptar nomes como 8 de marzo, Dereitos da infancia, Preescolar na casa, Institución libre de ensinanza, Creatividade ou Intelixencias múltiples. Nelson Mandela, Rigoberta Menchú, Concepción Arenal, Preescolar na casa, Giner de los Ríos, María Montessori…. Nomean espazos vinculados ás outras titulacións que se imparten no noso edificio.

Un dos espazos significativos para o alumnado da especialidade de Atención a persoas en situación de dependencia é a antiga Aula B001, aula polivalente na que se imparten distintos módulos formativos, a decisión final foi asignarlle a ese espazo o nome de Recaredo Paz Prieto, nun intento de homenaxear a unha figura da nosa cidade que demostrou, na súa intensa traxectoria vital, o seu compromiso coa normalización da vida das persoas con necesidades a todos os niveis: educativo, social, laboral ou de lecer. Esta traxectoria tivo un importante colofón cando no  ano 1991, fundou, nun ambiente asociativo, Aixiña (asociación dedicada á integración social e laboral das persoas con discapacidade física, parálise cerebral e terceira idade dependente).

Dáse a particularidade de que o noso centro mantivo e segue a manter intensos lazos con Aixiña, entidade colaboradora na formación en centros de traballo de alumnado das titulacións de Atención a persoas en situación de dependencia e Integración social. Froito desa colaboración Recaredo Paz, no seu día, e outras persoas da Asociación teñen estado con nós, participando en diversas actividades ao longo dos últimos anos.


No desexo de todas as persoas que participamos nesta xeira está realizar actividades de interese pedagóxico para o alumnado, partindo das figuras ou institucións que nomean os diferentes espazos. Neste marco, xorde a idea de realizar un acto de homenaxe á figura de Recaredo Paz, dando a coñecer entre a comunidade educativa aspectos relevantes da súa vida e obra.

A data escollida é a do vindeiro mércores 27 de maio, no que entre as 11:30 e as 14:00 horas se desenvolverá unha xornada de portas abertas na que contaremos coa presenza dunha representación da asociación Aixiña.







mércores, 13 de maio de 2015

Chega o anticipo das reválidas

Ante a chegada das reválidas á educación primaria chiamos novamente: NON Á LOMCE


A responsabilidade fundamental da educación que acreditamos é a de formar persoas que poidan vivir en liberdade e ser felices, contribuíndo á súa realización persoal e á transformación da realidade e do mundo no que viven, a mesma debe ser crítica por natureza. Desde esta perspectiva as e os profesionais do ensino, axentes fundamentais do proceso educativo, debemos tender a ser persoas que analicemos o noso contexto e non permanezamos pasivas ante as inxustizas que nel se poidan estar producindo.

O mundo está patas arriba, escribiu Eduardo Galeano. Vivimos inmersos nun contexto de cambio social que afecta directamente á educación producindo nela mudanzas fundamentadas nas novas, ou non tan novas, concepcións económicas, nos desenvolvementos científicos e tecnolóxicos ou na mudanza de valores sociais. Un contexto de shock como o que provocou a crise económica serviu de base para a introdución de políticas atentatorias contra o estado de benestar, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos. Dereitos que foran conseguidos con esforzo e tesón, froito da loita de persoas comprometidas co común ao longo de moito tempo foron postos en cuestión e revertidos, aproveitando o medo e o letargo provocado nunha boa parte da sociedade, pola situación socioeconómica.

As medidas non afectan só á educación, mais esta non quedou á marxe das decisións. O plan que acompaña á instauración das políticas neoliberais, no que a nosa sociedade se viu mergullada, ten claro que un dos piares sobre os que se asenta o futuro dun pobo é a educación das novas xeracións. É por iso que, desde o primeiro momento, o goberno actual se propuxo como meta a reforma do sistema educativo. O resultado foi a LOMCE.  

Non se trataba de buscar un consenso, nin tan sequera de facer unha análise rigorosa dos avances e problemas que se viñeran producindo ao longo das últimas décadas, nas que a nosa sociedade evolucionou dun sistema implantado nun réxime ditatorial e baseado na selección, a outro fundamentado nunha concepción democrática que intentaba pór en valor a xestión democrática ou a igualdade de oportunidades.

Os fundamentos das novas propostas lexislativas atópanse en entidades e organismos supranacionais, de carácter económico e cunha visión e orientación moi definida. Para nada foi tida en conta a opinión da maioría de profesionais do sector, da comunidade científica, dos movementos de renovación pedagóxica ou das familias. O plan estaba (pre)definido e só se trataba de aproveitar as condicións para implantalo, promovendo o cambio das bases do modelo e trasladando á educación regras, estruturas e sistemas de funcionamento alleos que veñen directamente do mundo da economía e da empresa. E é desde aí que imos vendo como nos colonizan conceptos que nunca foron propios do noso contexto da orde de eficacia, rendibilidade, competitividade, resultados, avaliación externa, excelencia, autoridade, clientes ...

Os efectos destas influencias fixéronse patentes en distintas fases dos anteproxectos da lei. De feito, na última redacción da exposición de motivos, desapareceu a concepción de educación que aparecía no primeiro borrador, aquela que, sen ningún tipo de escrúpulo, definía a educación como o motor que promove a competitividade da economía e o nivel de prosperidade dun país... En contra desta interpretación que, non nos enganemos, segue a estar presente tras as liñas do texto da LOMCE, vémonos na obriga de defender unha educación que persiga o desenvolvemento humano e a cohesión social. Nenas e nenos, mulleres e homes, de calquera procedencia e extracción, deben poder formarse como persoas completas, responsábeis e cualificadas para traballar e convivir na sociedade. A sociedade precisa da educación, mais non en aras a unha maior competitividade da economía, senón para asegurar niveis adecuados de benestar, liberdade, xustiza e equidade.

No que se refire á educación primaria as novas da lei inclúen, xunto coa desaparición da estruturación da etapa por ciclos, a inclusión de obxectivos como o desenvolvemento do espírito emprendedor ou a desaparición da educación artística das materias troncais, a inclusión dunha avaliación individualizada ao final do 3º curso, ligada ás técnicas instrumentais. Fálase de que, de resultar desfavorábel, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias adecuadas. Trátase da primeira das probas externas, nome escollido para maquillar as distintas reválidas que, como se estivese a participar nunha carreira de obstáculos, o alumnado deberá superar desde a nova concepción do sistema educativo. Máis adiante haberá outras, unha ao final de primaria e dúas máis ao rematar secundaria e bacharelato, estas últimas determinantes para a consecución de cadanseu título.

A realización material destas probas déixase en mans das Administracións educativas competentes, aclarando que terán lugar no centro docente no que o alumnado curse os estudos e serán aplicadas e cualificadas por profesorado externo ao centro.

Cámbianse, deste xeito, as avaliacións de diagnóstico que se viñan facendo en distintos momentos (finais do segundo ciclo de primaria e finais de segundo de ESO) e que tiñan como función obter datos representativos, tanto do alumnado e dos centros da Comunidades Autónomas como do conxunto do Estado, por unha avaliación particular e individualizada do alumnado que non agacha as súas intencións clasificatorias. Producíndose un retroceso sen parangón ao retraérmonos esta medida a situacións anteriores á Lei Xeral de Educación, promulgada nos finais do franquismo.

A lei do 70, ademais de poñer fin ás reválidas, introducira a concepción dunha avaliación sistemática, na liña do que máis tarde demos en chamar avaliación formativa, continua e global.  Ao seu abeiro e ao das seguintes normas que foron promulgándose coa chegada da democracia, o profesorado e os centros fomos gañando competencias sobre o deseño e desenvolvemento curricular, os métodos de ensinanza e a avaliación. Foi ao socairo desta concepción como o sistema camiñou paseniño cara a inclusión educativa, promovendo a integración de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e garantindo a presenza de todas as nenas e nenos dentro do sistema até os dezaseis anos de idade.

Esta nova situación xerou novos desafíos para a escola e para o profesorado. O gran reto que temos as e os docentes actuais é facermos fronte á diversidade do alumnado: diversidade social, diversidade cultural e lingüística, diversidade de valores familiares... Ensinar hoxe é moi distinto do que era ensinar hai corenta anos, basicamente porque non ten o mesmo grao de dificultade traballar cun grupo de alumnado homoxeneizado pola selección, que atender a todas nenas e nenos, con todos e cada un dos problemas persoais e sociais que poidan ter particularmente.

A adaptación a un proceso como o que nos tocou vivir non é doada, esixindo cambios na maneira de enfrontar os procesos de ensino aprendizaxe, nos que elementos como a individualización teñen moito que dicir. A situación social ou as problemáticas familiares son factores que inflúen directamente nas posibilidades reais de éxito académico do alumnado, polo que, se de verdade queremos unha escola para todas e todos, faise preciso mudar as estratexias de ensino e tamén as de avaliación. Sen esquecer que a escola por si soa non conta con suficientes recursos para facer fronte a determinadas situacións, precisando  de políticas sociais que abran novas vías de intervención desde unha perspectiva integral.

Así, fomos asumindo que o sentido final da avaliación é valorar unha determinada situación e que, cando esta se realiza en contextos educativos, os seus criterios e formato deben axustarse aos obxectivos, contidos e métodos propostos e desenvolvidos ao longo do proceso. É esta a maneira de que os resultados da mesma permitan tirar conclusións que faciliten a retroalimentación, detectando as dificultades e dándonos a posibilidade de introducir os axustes necesarios. A experiencia ensinounos que non hai mellor profesional para desenvolver esta avaliación que aquel que coñece de preto a realidade, as particularidades do alumnado e os condicionantes do proceso.

A apertura do currículo e a formación inicial e permanente das e dos profesionais foron dando lugar, nos sectores máis renovadores do profesorado, a incorporacións teórico-prácticas sobre cuestións como a importancia da zona de desenvolvemento próximo, da aprendizaxe significativa, das intelixencias múltiples, da creatividade, do traballo por proxectos, … Que vai quedar de todo iso cando o que se nos pon diante é unha serie de probas deseñadas lonxe da realidade do alumnado, nas que non se teñen en conta nin as condicións particulares, nin os procesos vividos?

Cando a primeira proba de avaliación externa está a chegar aos centros, desta volta para avaliar ao alumnado de 3º de educación primaria, é o momento de cuestionármonos sobre cales son as razóns que están por detrás da decisión de que se recuperen as reválidas, unhas avaliacións baseadas en criterios comúns para o conxunto do estado, aplicadas por persoas alleas aos centros e descoñecidas para o alumnado e desde a premisa de que os resultados serán posteriormente publicados? 

A análise crítica da propia lei podemos amosar as respostas. Velaquí algunhas:

Entre as causas que se esgrimiron para xustificar a LOMCE estaba a das altas taxas de fracaso escolar, unha das máis elevadas dos países da nosa contorna. Sendo este un motivo de preocupación compartido, acto seguido deberíase intentar sondar cales son as posibles causas do mesmo, analizando as medidas e medios que ata o momento se viñeron executando para enfrontalo e os resultados das mesmas. Non atopamos ningunha referencia a estes aspectos, obviándose que o fracaso non é anónimo; ten nome, historia e cultura. Non se produce de xeito súbito. É o resultado dun proceso que se pode identificar e prever. Nel inflúen o tipo de contido que se ensina e avalía e o proceso de ensino e aprendizaxe que non sempre facilita que o alumnado estableza conexións e elabore os seus propios significados e coñecementos. Rexeitamos completamente que as probas que se están a implantar poidan ser interpretadas como instrumentos de prevención do fracaso escolar, máis ben todo o contrario, terán un efecto segregador desde idades temperáns, promovendo a clasificación do alumnado. A non ser que se confunda intervir sobre o fracaso con detectar e desviar a aquel alumnado que poida afastarse dun concepto de normalidade que xa dabamos por superado.

Outro dos argumentos que, de xeito recorrente, aparecía por detrás do discurso que xustifica a necesidade da lei en cuestión era unha pretendida busca da mellora da calidade do sistema. Mais de que calidade estamos a falar? Dunha calidade  que debe medirse, como recollía o primeiro borrador do anteproxecto, en función do “output” (resultados de aprendizaxe) e non do “input” (niveis de inversión, número de profesorado, número de centros, ratios, etc.). Esa, e non outra, é a calidade sobre a que se asenta a LOMCE e as reválidas son unha mostra desta concepción.

Obsérvase unha gran preocupación por mellorar os resultados de PISA, moito máis profunda que a que pode producir a problemática particular que están a vivir moitas familias, colexios ou alumnado individual.  Xustifícase desde esta perspectiva a asunción de medidas para un maior control e centralización do currículo, promovendo un adestramento do alumnado naqueles contidos que desde o ministerio se consideran prioritarios. A adaptación ao sistema levará emparellada a dedicación dunha cada vez maior cantidade de tempo de ensinanza á materia contemplada nas probas, intentando preparar ao alumnado para o exame.

Constátase unha total falta de respecto pola igualdade de oportunidades, poñéndose os medios para a clasificación do alumnado. Esta poderá facerse, entre outras razóns, en función dos resultados obtidos na proba externa, cos efectos que estes poidan ter á hora de xerar expectativas moitas veces determinantes de cara ao futuro do alumnado. Estamos asistindo á posta en funcionamento de políticas educativas que consolidan principios segregadores que benefician ás clases favorecidas e castigan ás clases populares.

O profesorado é considerado como un perigo. Un profesorado crítico e activo ten un certo poder de influencia sobre a realidade na que desenvolve o seu labor. Unha estratexia para acoutar ese poder é a de pór en cuestión a profesionalidade das e dos docentes, o que se ve en múltiples apartados da LOMCE e nomeadamente minando a súa responsabilidade nunha das tarefas máis sensíbeis do proceso educativo como é a da avaliación personalizada.

Percíbese a présa por introducir na escola os principios de funcionamento do mundo empresarial. Promóvese a competitividade entre o alumnado e tamén entre os centros, ante a posibilidade da creación de ránkings ligados aos resultados das probas. O obxectivo final non é outro que o de ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos ao tempo que traballa con grupos de alumnado homoxeinizado, previamente seleccionados.

E agora que?

Chegados a este punto ábrese diante de nós unha nova oportunidade de tomar conciencia do que está a acontecer e pasar decididamente á acción, renovando o noso compromiso coa defensa dos dereitos da infancia e dos trazos de identidade dunha escola pública e laica, democrática e democratizadora, coeducadora e inclusiva, onde a nosa lingua sexa considerada como un valor e na que se consiga unha progresiva actualización dos perfís e das prácticas profesionais, superando as devastadoras consecuencias de corenta anos de sombras e de represións, revividas a través da LOMCE.

Nas nosas mans está traballar desde o día a día pola consecución da nosa utopía pedagóxica, promovendo ante a imposición, a resistencia e a insubmisión, e antepondo na realidade dos nosos centros o benestar ao malestar, o bo trato ao maltrato,  a cooperación á competitividade, a inclusión á segregación, a democracia ao autoritarismo.

Decididamente hai certas cousas que non podemos permitir nas escolas. Temos que ensaiar o NON para logo chialo, sen e con subtítulos:

NON ÁS REVÁLIDAS!

NON Á LOMCE!


“Non hai denuncia verdadeira sen compromiso de transformación, 
nin compromiso sen acción” (Paulo Freire)

A Plaforma galega en defensa do ensino público inicia unha campaña para que as familias rexeiten as reválidas e as probas de 3º de primaria


xoves, 30 de abril de 2015

Recursos de atención á primeira infancia na provincia de Ourense

Outro dos proxectos nos que estivo a traballar o grupo de alumnas de Intervención con familias e menores en situación de risco social do CIFP Portovello  co que tiven a fortuna de compartir docencia e aprendizaxes ao longo deste último ano, foi o de iniciar a elaboración dun mapa de recursos de atención á primeira infancia na provincia de Ourense.

O traballo supuxo unha oportunidade de experimentar con ferramentas de traballo cooperativo e buscar formas de que o producido na aula poida trascender os seus muros e ser compartido cara fóra.

Seguiremos traballando na súa actualización, para o que estamos abertos a calquera colaboración, no entanto compartimos o estado do mapa no momento actual.




Normativa galega sobre infancia e familia

Ao longo deste curso académico 2014-15, o alumnado do curso de 2º A do Módulo de Intervención con familias e menores en situación de risco social do CIFP Portovello, correspondente ao Ciclo superior de educación infantil, como parte do seu proceso formativo traballou na creación dun repositorio de lexislación relacionada coa infancia e coa familia.

Entre as finalidades do traballo estaban a localización das normas de referencia -de carácter supranacional, estatal ou galego- e a súa organiación dun xeito que permitise un fácil acceso ás mesmas en caso de necesidade.

O formato elixido para presentar os resultados do proxecto foi unha liña do tempo -realizada en TimeRime- na que, dun xeito cooperativo, o alumnado foi compartindo os resultados da súa busca e introducindo un pequeno comentario de cada unha das referencias recollidas.

Trátase dun traballo inacabado que poderá ser mellorado no futuro, mais, dado que está compartido nun formato aberto, deixamos o enlace ao mesmo por se é do voso interese:

Normativa galega sobre infancia e familia





martes, 28 de abril de 2015

III Xornadas educaBarrié Experiencias en educación infantil (0-6 anos)

O suxestivo título de Infancia, asombro e educación foi o escollido pola Fundación Barrié para as III Xornadas educaBarrié Experiencias en educación infantil (0-6 anos) que se desenvolverán na Coruña o día 16 de maio, entre as 10:00 e as 19:30 horas. Alí intentaremos estar!

Aproveito a ocasión para rememorar as II Xornadas educaBarrié sobre experiencias de Patrimonio na infancia: 0-6 anos, nas que tiven a ocasión de participar os días 24 e 25 de xaneiro de 2014 na cidade de Vigo, facendo unha pequena achega para incidir sobre a formación das e dos profesionais do 0-3 desde o compromiso co Patrimonio. 

Máis unha vez foi unha oportunidade de acumular boas experiencias e sensacións: tomar contacto cos novos proxectos da Asociación Antonio Gandoy (herdeira de Preescolar na Casa); enríquecérmonos coa lúcida visión da situación da infancia e da educación da man das compañeiras Ángeles e Teresa Abelleira (InnovArte infantil); coñecer experiencias pedagóxicas ligadas ao 1º e 2º ciclo da educación infantil, da man do CRA de Bergondo e da Escola Infantil de Allariz; asistir á gran lección de pedagoxía social do meu admirado e ben querido amigo Antonio Rodríguez Corbal, falándonos da experiencia do CDR O Viso de Lodoselo, ese lugar onde, se es quen de escoitar..., as pedras falan... e percibir que sectores activos da educación do noso país seguen comprometidos cunha visión de etapa para a educación infantil. Non se pode pedir máis...

Os meus parabéns a educaBarrié por manter viva esta iniciativa que contribúe a que profesionais de toda a etapa de infantil poidan xuntarse, compartir, confrontar e enriquecerse mutuamente... 


Mágoa que inicitativas como esta non se propicien desde instancias oficiais.

Deixo o apoio que utilicei para o relatorio:



Análise de parques infantís en Ourense

O alumnado de 1º curso do ciclo superior de Educación infantil do CIFP Portovello de Ourense estivo traballando de xeito cooperativo ao longo dos últimos tempos, nunha análise dos parques infantís da nosa cidade. O proxecto desenvolveuse desde o módulo de O xogo e a súa metodoloxía.

Velaí os seus resultados:





xoves, 15 de xaneiro de 2015

Crónica dunha aldraxe sobre o ensino público

Comparto a presentación que serviu de base ao relatorio presentado nas pasadas Xornadas de Verán 2014 organizadas pola AS_PG e a CIG en Pontevedra, nas que un nutrido grupo de profesionais tivemos ocasión de reflexionar sobre a situación na que queda o noso sistema educativo coa implantación da LOMCE, así como as causas da mesma e os efectos que pode ter de cara ao futuro.