Hai un tempo, mentres revisaba algunhas das Monografías que
desde Unicef se adican a analizar o estado mundial da infancia, atopei este
texto no que Nelson Mandela nos narra como foi a súa infancia:
...É na aldea de Qunu, nos ondulantes outeiros e os verdes vales do territorio de Transkei (Sudáfrica sudoriental), onde sitúo os primeiros recordos da miña infancia. Foi en Qunu onde pasei os anos máis felices da miña infancia, rodeado dunha familia onde había tantos bebés, nenos, nenas, tías e tíos que non podo lembrar un intre do dia no que eu estivese só. Foi alá onde o meu pai me impartiu, pola maneira en que viviu a súa vida, a idea da xustiza que me acompañou durante os moitos decenios da miña vida. Ao observar moi de preto ao meu pai aprendín a resistir e defender firmemente as miñas conviccións.Foi en Qunu onde escoitei da miña nai os relatos que alimentaron a miña imaxinación; onde ela me impartiu a súa xentileza e xenerosidade mentres cociñaba as nosas comidas sobre un lume aberto e me mantiña ben alimentado e saudábel. Desde a miña época de neno pastor animoume sempre o amor pola campiña, os espazos abertos e a simple beleza da natureza. Foi alá e entón onde aprendín a amar ao noso planeta. Dos meus amigos da infancia aprendín dignidade e sentido da honra. Ao escoitar e observar as xuntanzas dos anciáns da tribo, aprendín a importancia da democracia e de que todos dispoñan da oportunidade de ser oídos. E aprendín do meu pobo, a nazón Xhosa, e do meu benefactor e guía, o Rexente, a historia de África e da loita dos africanos por ser libres. Foron eses primeiros anos os que determinaron de que maneira habería de vivir os moitos anos da miña longa vida. Sempre que aproveito un momento para botar unha ollada retrospectiva, sinto unha inmensa gratitude cara o meu pai e a miña nai e cara todas as persoas que me criaron cando era un neno e me brindaron unha formación para que chegase a ser o home que son hoxe. Iso foi o que aprendín cando era neno. Agora que son un ancián, os nenos son a miña fonte de inspiración.
Nelson Mandela. Monografía do Estado Mundial da Infancia do
ano 2001
Lendo estas lembranzas, dunha das personalidades máis
senlleiras do século XX, atopei un recurso para traballar co meu alumnado as
esencias dun contexto enriquecedor para a crianza e o desenvolvemento das novas
xeracións. Por que un contexto enriquecedor non é, nin moito menos, o mesmo que
un "contexto rico" e ben sabemos que hai contextos ricos que son empobrecedores,
mentres que pode haber outros que desde a "pobreza" conteñan todo o
que se pode pedir para garantir un desenvolvemento adecuado. Desde aquel
momento sempre me acompaña nos principios de cada curso académico.
As palabras de Nelson Mandela sírvennos para ilustrar a
importancia que poden ter as relacións que nos primeiros anos se establecen
coas persoas e co contorno para o desenvolvemento. Nelas atopamos como esencias
dun contexto enriquecedor: a posibilidade de establecer relacións afectivas
positivas cos seus pais, a oportunidade de compartir tempo, xogos e vivencias
cos seus iguais, unha fonda relación co contorno natural rico en estímulos e
que propicia a relación con múltiples obxectos, a presenza de figuras
investidas de autoridade que actúan como guía ética para as novas xeracións....
Aínda que poida parecer algo doado de conseguir, a realidade
amósanos que non sempre é así e incluso poderiamos afirma que no momento actual
se vive unha especial crise de valores que fai cuestionar as relacións coa
infancia tanto desde a familia, como desde a escola ou desde a sociedade.
Resultando que precisamente cando máis sabemos sobre a infancia é cando menos
claro temos como actuar ante a mesma.