martes, 8 de outubro de 2013

Cub de lectura Lugares comúns

O noso club de lectura xorde da constatación, feita ao longo de diversos cursos, de que unha significativa parte do alumnado que cursa os estudios do ciclo superior en educación infantil manifesta importantes dificultades na comprensión lectora e na busca operativa de fontes de investigación, chegando á conclusión de que na súa maioría viña afeito á utilización de técnicas de aprendizaxe baseadas en métodos memorísticos que conducían indefectiblemente a aprendizaxes repetitivas, sen aproveitar as bonanzas das técnicas baseadas na aprendizaxe significativa. Ao mesmo tempo o alumnado confesaba a súa pouca predisposición cara a lectura e unha escasa utilización da biblioteca.
Ao traballar nun módulo no que hai un importante volume de información teórica que procesar desde diversas fontes de información, como é o de Didáctica da Educación Infantil, consideramos importante adaptar unha metodoloxía de traballo que permitise ao alumnado desenvolver estratexias que lle fagan posible ler e comprender o que le, de xeito que poidamos desenvolver habilidades e hábitos que logo, nun futuro como educadoras e educadoras, poidan transmitir aos nenos e nenas cos que traballen.
Neste senso entendemos o club de lectura como unha actividade que pretende a familiarización co uso da biblioteca e co gozo de ler e compartir as nosas lecturas, podendo intercambiar opinións sobre  as mesmas.
O noso club de lectura fundaméntase pois, na riqueza que supón para cada unha das persoas do grupo -alumnado e profesorado- a posibilidade de compartir as súas lecturas.
Ao longo do curso partimos da selección voluntaria de diferentes lecturas relacionadas coa nosa profesión. Dámonos un tempo para facermos as nosas lecturas e mesmo elaborar unha reflexión sobre as mesmas e logo organizamos os tempos para dar a posibilidade de compartilas co resto do grupo.
Deste xeito o club de lectura sérvenos de plataforma para poñérmonos en contacto con diversos libros, achegándonos a un conxunto de temáticas variadas, mais todas elas relacionadas coa educación infantil.
A experiencia de revisar, escoller e preparar para compartir un libro xa é de por si interesante, mais a posibilidade de expoñelo diante do grupo permítenos traballar sobre novos obxectivos, somos conscientes da importancia que ten para nós falar en público, facelo con rigor, coidando a posta en escena e o manexo dos tempos. O club de lectura danos a posibilidade de traballar sobre eses aspectos na busca da mellora continua.

Ao final do proceso quédannos as experiencias particulares, por unha banda aquelas ligadas ás vivencias que tivemos á hora de facer as nosas exposicións, cada unha e cada un de nós tivemos sensacións persoais que, convenientemente avaliadas, deben servirnos para gañar seguridade e ter unha idea das cousas que debemos mellorar. Agora ben, tamén temos a experiencia de quen está desde o outro lado e pode vivir como espectadora ou espectador as exposicións do resto das compañeiras e compañeiros.

Ningún comentario: