xoves, 21 de novembro de 2013

Sobre a LOMCE e as súas intencións

Ante a aprobación, co único apoio do PP, polo pleno do Senado do proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) reproduzo un artigo que escribín no pasado mes de abril para o suplemento A Fondo de Sermos Galiza dedicado á LOMCE:

Nos últimos meses fixéronse públicas as bases da LOMCE, unha reforma fondamente ideoloxizada, presentada sen a máis mínima vontade de consenso, nun momento marcado pola inestabilidade socioeconómica e a emerxencia das teses neoliberais, que nos levará a retroceder a situacións pasadas que xa dabamos por completamente superadas.
Nun momento como este procede unha reflexión crítica sobre como se pretende que quede estruturado o sistema educativo coa nova lei e para iso non nos queda máis que acudirmos aos borradores que sobre a mesma se teñen presentado. Da súa análise constátase que, a pesares do que cabería presaxiar polos anuncios que se viñeron facendo, non se aprecian cambios substanciais na estrutura xeral do sistema que queda configurado nas mesmas etapas que no seu día propuxera a LOXSE e que non son outras que a educación infantil, a educación primaria, a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional.
Os cambios comezan a emerxer cando se afonda un pouco máis no seguinte nivel de estruturación e así, deixando a un lado a educación infantil da que non hai mencións explícitas, na educación primaria apréciase a desaparición da organización por ciclos dentro da etapa, presente desde a lei do 70, restaurándose a estruturación por cursos. A etapa da educación secundaria obrigatoria tamén verá modificada a súa estrutura quedando dividida en dous ciclos, o primeiro que abarca os tres primeiros cursos e o segundo, dun so ano de duración, que obrigará ao alumnado a elixir entre unha vía académica para a iniciación ao bacharelato e outra aplicada para a iniciación á FP. Trátase dunha elección que, sen ter demostrado efectividade nos países que a teñen aplicado, vai levar asociada a segregación dunha parte da poboación –na súa maioría procedente dos contextos máis desfavorecidos- do tronco común da súa formación. Iso si, permitirá disfrazar as cifras do fracaso escolar. O bacharelato mantén a súa estrutura en dous cursos, propoñéndose catro modalidades: Ciencias, Humanidades, Ciencias Sociais e Artes. Polo que respecta á formación profesional constátase unha desvalorización da mesma como consecuencia da (s-)elección que se produce na ESO, mediante uns itinerarios que levan asociada a eliminación da ensinanza comprensiva e a consecuente segregación temperán do alumnado; ao mesmo tempo, anúnciase a “importación” do modelo xermano da FP dual, sen ter en conta que o binomio formación-emprego está directamente relacionado coa oferta laboral e coas características do tecido empresarial, moi diferente no noso contexto do que poida existir en Alemaña.
En substitución do sistema de avaliación diagnóstica que se viña aplicando en distintos momentos (finais do segundo ciclo de primaria e finais de segundo de ESO) e que tiñan como función obter datos representativos, tanto do alumnado e dos centros das Comunidades Autónomas como do conxunto do Estado, proponse unha avaliación censal que non agacha as súas intencións clasificatorias, selectivas e segregadoras. A realización material das probas corresponderá ás Administracións educativas e, aínda que terán lugar nos centros docentes do alumnado, serán aplicadas e cualificadas por profesorado externo aos mesmos o que supón un claro menosprezo á profesionalidade do profesorado que traballa no día a día das aulas. Trátase da recuperación das “reválidas”, superadas pola lei do 70. A de final de primaria, que non terá carácter eliminatorio aínda que o resultado da mesma constará nun informe que será entregado ás familias e ao centro de destino, e as de final de secundaria e bacharelato que condicionarán a obtención da correspondente titulación, conducindo en caso de non superalas a un dique seco no que haberá que agardar a novas convocatorias. Sorprende, por moitos motivos, a inclusión dunha medida deste tipo, máxime nun momento no que se fai bandeira co aforro e a austeridade, onde encaixa o custo dun sistema de avaliación externa como o que se está a propor?
Nun contexto como o que estamos a describir, cando é notorio que temos unhas taxas de fracaso e abandono escolar preocupantes, cabería preguntarse cales son as previsións estruturais para a atención á diversidade. Neste eido constatamos con preocupación a substitución dos Programas de diversificación curricular, concibidos para chegar ao título por unha vía alternativa naqueles casos nos que as circunstancias así o esixían, por uns Programas de mellora das aprendizaxes e o rendemento no primeiro ciclo, dirixidos ao alumnado que despois de ter repetido algún curso, e unha vez cursado 1º ou 2º da ESO, non estea en condicións de promocionar ao seguinte nivel. A gran novidade é que, co novo ordenamento, o cuarto curso deberá facerse pola vía ordinaria o que nos fai dubidar da súa efectividade para que o alumnado participante nos mesmos estea en condición de acadar o título. Por outra banda, o alumnado que non se atope en condicións de acadar o adecuado nivel na consecución das competencias básicas, poderá ser derivado cara a Formación Profesional Básica que se aventura como un novo mecanismo de "exclusión" das alumnas e alumnos con máis necesidades ao non conducir á obtención do título de ESO, senón á FP de grao medio despois de ter superada unha proba de acceso a diferenza dos .

Así as cousas, estamos ante unha Lei deseñada sen unha avaliación seria da realidade existente, baseada no autoritarismo derivado da maioría parlamentar, que ignora ao profesorado e parte dun modelo educativo rancio e conservador propio da escola do pasado, esquecendo o respecto pola diversidade e consolidando principios segregadores que beneficiarán ás clases altas e castigarán ás clases populares. 





Manifesto contra a LOMCE da Plataforma galega en defensa do ensino público
A educación que vivimos Reflexións críticas ante a nova lei de educación. Presentación utilizada no relatorio do mesmo nome desenvolvido na Xornada sobre o Sistema Educativo na LOMCE organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG o 12 de xaneiro de 2013 en Santiago de Compostela.

mércores, 13 de novembro de 2013

A Educación cero-3, cabeceira do nº 56 da Revista Galega da Educación



A Revista Galega da Educación (RGE) iniciou a súa andaina no ano 1986. Andaina é una fermosa palabra que daba nome a unha escola infantil municipal que, cun proxecto educativo de gran valor e calado, funcionaba na cidade da Coruña a finais dos anos 80 e principios dos 90, momentos nos que eu comezaba a miña relación profesional co mundo da atención á primeira infancia, a través da responsabilidade na formación dunha parte das profesionais que desenvolven o seu traballo neste sector.


Eran aqueles (os anos 80-90), como quizais poidan ser os actuais, tempos de cambios importantes a nivel sociopolítico que tiñan unha correspondencia na situación da educación. Agardábase que a progresiva madurez da democracia tivese repercusións nos diferentes ámbitos da sociedade e a educación estaba especialmente necesitada da entrada de aire fresco, hai que lembrar que a ditadura fixera todo o posíbel por controlar o sistema educativo, sabedora do poder que o mesmo podía chegar a ter ao recaer nel a formación das novas xeracións.

As expectativas de cambios reais e o compromiso de moitas e moitos docentes co feito de que había que adoptar unha posición activa para facilitar os mesmos, fixeron que distintos MRPs adquirisen un protagonismo especial, liderando as propostas e favorecendo a confrontación de ideas e o traballo en equipo. Aí estaba Nova Escola Galega (NEG) como un dos referentes da renovación pedagóxica en Galicia. Como outros movementos de renovación pedagóxica, NEG valeuse de diferentes instrumentos para levar adiante os seus ideais e así aos cursos e Xornadas que organizaba, sumábanse os grupos de traballo, as escolas de verán e, desde o ano 1986, a RGE.

Contar cunha revista destas características en Galicia foi e segue a ser un privilexio que, como en tantas outras ocasións, non fomos quen de valorar na súa xusta medida. Ao longo dos anos a revista foi sendo testemuña dos cambios do sistema educativo e das alternancias dos mesmos, unhas veces cara adiante e outras cara atrás.

Como noutras publicacións destas características é un exercicio moi recomendábel revisar os editoriais que se ían publicando en cada número e que nos permiten evocarmos e reconstruírmos os altibaixos do proceso seguido no que era, e segue a ser, a loita polo ideal dunha escola pública e laica, democrática e democratizadora, coeducadora e inclusiva, onde a nosa lingua sexa considerada como un valor e na que se consiga unha progresiva actualización dos perfís e das prácticas profesionais, superando as devastadoras consecuencias de corenta anos de Sombras e de represións, revividas recentemente a través do proxecto da LOMCE.
A RGE foi acompañando, desde unha posición crítica, o deseño, a implantación e o desenvolvemento da reforma educativa da LOXSE e de outras normas que tamén foron marcando a folla de ruta do sistema educativo no noso país. E así, a carón de números dedicados a analizar a situación do profesorado, da escola rural, das TICs, das familias ou do ensino en diferentes materias, incluíndo os contidos transversais, foron aparecendo outros dedicados dun xeito específico á análise dos diferentes tramos do sistema educativo:
  • A reforma das ensinanzas medias (1987).
  • A educación das persoas adultas (1991)
  • A educación primaria (1993)
  • A educación secundaria (1995)

Houbo que agardar ata o ano 1998 para atopar un número, o 31, dedicado á educación infantil.  É preciso destacar que o feito de que non tivese aparecido un número específico non quería dicir que a revista non conectase en ocasións cos intereses das e dos profesionais da primeira etapa do sistema educativo, cousa que acontecía cando nos atopabamos cos números dedicados á globalización, ao xogo ou á pedagoxía Freinet, e tamén cando as súas páxinas nos achegaban a experiencias desenvolvidas nalgunha escola en particular (como a de Pantín) ou á evolución do benquerido Programa Preescolar na Casa.
Mais, despois dunha longa espera, apareceu un número dedicado á educación infantil que analizado con perspectiva histórica nos permite ver cal era a percepción que a finais dos 90 existía sobre esta etapa educativa.

A educación infantil constituírase como tal na LOXSE (1990). Antes diso, ao longo dos anos, fóranse conformando experiencias de distinto calado que pretendían dar resposta ás necesidades das nenas e nenos das primeiras idades e das súas familias. A etapa estruturarase en dous ciclos, mais o primeiro nunca chegou a integrarse plenamente  na Consellería de Educación, quedando ligado en Galicia á Consellería de Familia. Eran momentos nos que, pola indefinición normativa, podiamos atopar neste ciclo, centros con proxectos educativos de gran interese ao lado de moitos outros baseados unicamente na asistencialidade. Mágoa que  de moitas desas experiencias non teña quedado unha pegada máis tanxíbel...
No número 31 da RGE reflectiuse unha visión da educación infantil que estaba claramente escorada cara o segundo ciclo, recollendo os seus artigos interesantes experiencias:
  • Os tempos na educación infantil.
  • Traballo por proxectos.
  • Facer matemáticas na educación infantil.
  • Lectura e escritura na aula de educación infantil.
  • Xogando con imaxes na educación infantil.
  • Taller de vídeo na educación infantil.
  • Camiñando cara a autoavaliación.

Todas elas ligadas ao segundo ciclo,  quedando para o primeiro un clarificador encabezado dun dos apartados do artigo dedicado á análise da educación infantil en Galicia, que se refería ao mesmo coas seguintes palabras: escaso, disperso, precario e ignorado.

Certamente a realidade podía resumirse con ese titular, mais non é menos certo que xa naqueles tempos se estaban a desenvolver interesantes proxectos que de terse posto en valor, dándolles proxección e visibilización, terían axudado a cambiar a percepción do primeiro ciclo, cando menos ao nivel do público ao que ía dirixido a revista.

Unha das funcións que estivo e está chamada a cumprir a RGE con respecto á educación infantil é a loita pola consecución no noso país dunha estrutura, cando menos tan ambiciosa, como a que a propia LOXSE debuxaba nos anos 90. Unha etapa distribuída en dous ciclos, mais unha única etapa educativa que como tal debe estar en Educación.

Para chegar a conseguir iso, nun contexto como o que nos movemos, faise preciso pór en valor o que pode ser, a priori, considerado como o elemento máis feble, é dicir o primeiro ciclo que polas súas peculiaridades –idades do alumnado, necesidades das familias, particularidades do persoal que traballa nos centros, expectativas dunha gran parte da sociedade sobre as funcións que debe cumprir...- precisa que se visibilicen as boas prácticas que nel se veñen realizando. Esta visibilización contribuiría á súa vez á necesaria “concientización” das moitas persoas que traballan nas escolas infantís e que deben facerse conscientes do enorme valor do traballo que realizan e da responsabilidade que comporta. E desde esa concienciación estaremos en condicións de transmitir á sociedade -a través da nosa relación coas familias no día a día nos centros, participando en foros de debate educativo, publicando as nosas experiencias, avances e dúbidas en diversos medios,...- a importancia do noso traballo, conseguindo así os apoios necesarios para facer realidade a nosa particular utopía.

Pasaron 15 anos e 25 números da RGE, cun parón na súa publicación de cinco anos entre o 2000 e o 2005, polo medio vivimos importantes momentos como a posta en funcionamento das galescolas, a elaboración e aprobación dun currículo que contempla ao primeiro ciclo equiparando o seu valor ao do segundo, o intento de por en funcionamento un Plan de formación para o persoal das escolas infantís 0-3 –dado que este non pode participar nas actividades organizadas desde a Consellería de Educación-, a organización de diversos Congresos de EI 0-3, a saída á luz dunha revista pedagóxica do 0-3, a busca de acordos con distintas editoriais para a publicación de materiais en lingua galega que puidesen chegar ás escolas infantís..., algúns deles tiveron continuidade no tempo e outros foron superados polos condicionantes que todos coñecemos.

E agora, coa publicación desde número sáldase unha débeda histórica co primeiro ciclo da educación infantil. Xa temos o noso agardado lugar nas portadas da RGE, confiemos en que sexa so o principio... Os meus parabéns a Suso Ferreiro polo seu traballo na coordinación da revista e á RGE pola súa importante contribución ao longo de todos estes anos á renovación pedagóxica no noso país.  

domingo, 10 de novembro de 2013

A importancia da calma afectiva no desenvolvemento infantil. O instituto Pikler (Lóczy)

Corría o ano 1986 cando caeu nas miñas mans un libro, recén publicado en español, co título La educación del niño de 0 a 3 años. Experiencia del instituto Lóczy, no que Myriam David e Geneviève Appel -coa colaboración de Emy Pikler e Judith Falk- nos achegaban ao fascinante mundo de Lóczy, desde entón, como un facho aceso que orienta os homes do mar nunha noite escura, a experiencia do orfanato húngaro sempre estivo presente e foi unha referencia á hora de intentar entender e explicar as claves do bo trato á infancia.

Pasaron os anos e no verán de 2008, como noutras ocasións, participei no Encontro Estatal de Educación Infantil que a Asociación de Mestres Rosa Sensat organiza en Barcelona, desta volta o título-tema era: A conquista da autonomía. Principios filosóficos e pedagóxicos do Instituto Pikler (Lóczy). Alí tiven a fortuna de coñecer e escoitar a Anna Tardos, a filla de Emy Pikler, que foi quen de entusiasmar e contaxiar a filosofía de traballodo Instituto Pikler aos centos de persoas relacionadas coa educación infantil que ateigabamos as instalacións de Cosmocaixa, lugar onde se celebraba o Encontro. E desde ese momento, a experiencia de Lóczy acompáñanos todos os anos nas primeiras semanas do curso, cando acollemos ás novas promocións de alumnas e alumnos que comezan os estudos do ciclo superior de educación infantil. A intención non é outra máis que tamén para elas e eles se converta nun facho que ilumine o seu camiño e lles permita entender a importancia da calma afectiva no desenvolvemento infantil.

Anna Tardos no Encontro Estatal de Educación Infantil (Barcelona, 2008)

Introdución á experiencia

A pediatra Emy Pikler fundou A casa dos nenos na rúa Lóczy (Budapest) no ano 1946, como un centro dedicado á atención á infancia con risco de exclusión social, reconvertindo un orfanato nun centro de investigación metodolóxica que ten entre as súas máximas un escrupuloso respecto aos dereitos das nenas e nenos. A súa tarefa foi seguida pola súa colaboradora a dra. Judit Falk e a súa filla Anna Tardos. 

Os principios básicos sobre os que se asenta a experiencia son:
  • O respecto á infancia. A consideración das nenas e nenos como persoas, como seres únicos que establecen relacións e que inflúen no que pasa no seu contorno inmediato e, precisamente polo antedito, o valor dunha atención o máis individualizada posíbel.
  • O valor da actividade autónoma  e do movemento, baseada na iniciativa da/o nena/o, actividade que xorde do seu propio interese proporcionándolle satisfacción e ansia de seguir explorando e relacionándose coa realidade na que vive. Deste principio despréndese a non interferencia por parte das persoas adultas e a posta en valor dun contexto estimulante e rico.
  • A pedagoxía da vida cotiá, pondo en valor as pequenas cousas. A comunicación verbal en todas as accións que as persoas adultas realizan sobre as pequenas/os. A suavidade dos xestos nos contactos. A solicitude de participación ao neno/a e a espera atenta de resposta e colaboración en todas as actividades cotiás: alimentación, hixiene, vestido, descanso, ...
  • A importancia da estabilidade afectiva como fonte de seguridade..
O instituto Lóczy ofrece ás nenas e nenos unha vida ordenada, baseada en longos tempos de actividade libre e xogo. Asemade, adoptou unha organización que coida dun xeito especial os momentos de atención ás necesidades básicas das crianzas (hixiene e xantar), considerados pezas clave dunha educación que se basea na interacción e o intercambio entre a persoa adulta e a crianza. O adecuado aproveitamento destes momentos levará a estruturar unha verdadeira relación afectiva de calidade. Segundo a filosofía de Lóczy o aproveitamento dos momentos nos que o bebé require da persoa adulta permitirá crear contornos seguros e ricos, espazos privilexiados para a transmisión da cultura e das experiencias afectivas, dando cabida a expresións delicadas e amorosas de comunicación.
Nada máis lonxe do ideario das profesionais de Lóczy que a educación infantil concibida como estimulación temperá, na que as persoas adultas perseguen as respostas das nenas e nenos para poder acelerar o seu desenvolvemento, anticipando aprendizaxes, o traballo das profesionais adáptase e axústase ao tempo e ao proceso de cada nena/o. As persoas adultas asumen o papel de acompañante que non xulgan e confían plenamente nas posibilidades das nenas e nenos.

Se algo preocupa dun xeito especial en Lóczy, iso é a calidade das relacións. As educadoras nunca teñen présa coa crianza e nunca están con ela sen falarlle (verbalizando o que se vai facer ou o que ve que está pasando). O feito de estar falando suponlles manterse concentradas no que está pasando na aula.

O establecemento do vínculo entre a crianza e a súa nai comeza desde antes do nacemento e baséase no amor que a nai sente por ela. Despois do nacemento os momentos de coincidencia supoñen pracer e ese pracer fortalece o sentimento de amor. Cando as crianzas entran na escola infantil a educadora ou educador non ten un plan de futuro afectivo con elas. O que vai haber é moitos momentos de interacción e contacto entre a educadora e as crianzas. E é así, coidando ás crianzas, como vai desenvolver unha empatía con elas. A través desa profesionalidade no coidado individual e estable, vaise producindo unha relación tamén de amor, mais sempre desde unha máxima clara: A nai coida á crianza porque a ama, pola súa banda a/o profesional chega a amar á crianza por outro camiño (a partir dos coidados...).


O espazo e o xogo son dous elementos que se planifican a conciencia, na busca da autonomía e do benestar das crianzas.

Algúns enlaces de interese

Existen grupos de traballo sobre a perspectiva Pikler-Lóczy en España, especialmente en Cataluña e Euskadi:



sábado, 9 de novembro de 2013

Polo cero-tres na Consellería de Educación

O Colectivo cerotres é unha asociación na que están representados as e os profesionais que traballan nas escolas infantís da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, sen distinción de categoría laboral, pero cunha idea común: reivindicar a consideración das escolas de educación infantil de 0 a 3 anos como centros educativos e a súa incorporación ao sistema de ensino público; así como a necesidade en Galicia dunha escola cero-tres de calidade e de acceso universal e gratuíto para as familias.
Nas últimas semanas desde Colectivo cerotres estase promovendo, a través da plataforma change.org, unha recollida de sinaturas para solicitar ao goberno galego o traspaso das escolas infantís 0-3 á Consellería de Educación, ante o anuncio da súa inminente inserción na Axencia Galega de Servizos sociais, é quizais o momento de lembrar os anuncios que se fixeron desde o goberno galego e que, como tantos outros, quedaron en papel mollado (A Xunta inicia o traspaso a Educación das escolas infantís).

Todas e todos deberiamos berrar alto e forte: Por unha educación pública e galega de calidade que inclúa ás escolas infantís (0-3). Abonda xa de manipulacións e mentiras.



A proposta é a seguinte:
A través da plataforma change.org, iniciamos a petición "Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia: Traspase as escolas infantís 0-3 á Consellería de Educación, tal como prometeu en Xuño de 2009."
É importante por todo isto:
Galicia é a única comunidade autónoma onde as escolas infantís de 0 a 3 anos están fóra do sistema educativo. A pesar da lexislación vixente, a Consellería de Educación do goberno galego inhíbese nas súas competencias ao rexeitar ás escolas aducindo que son servizos asistenciais, deixando a súa regulación en mans da Consellería de Traballo. Tras gañar as eleccións, en Xuño de 1999, un acordo do Consello da Xunta, creou unha Comisión para o traspaso das escolas á Consellería de Educación tal como Feijoo tiña prometido durante a campaña electoral para "abordar as competencias dos dous ciclos de educación infantil (0-3 anos e 3-6 anos) nun único departamento con criterios pedagóxicos comúns aos dous ciclos". Agora, catro anos despois, no só non se materializou a incorporación á administración educativa, senón que se pretende subrogar as escolas a unha Axencia Galega de Servizos Sociais, unha vía de externalización dos servizos públicos fóra do ámbito da administración autonómica.
Esta nova "entidade pública instrumental", segundo rezan os seus estatutos, vai xestionar as escolas para acadar "un aproveitamento óptimo", terá un xerente que poderá "subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público"; un consello reitor que poderá "propor a participación da Axencia en sociedades mercantís e fundacionais" e cuxo persoal directivo "poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento mediante un complemento de produtividade". Trátase claramente de converter a función educativa das escolas nun mero servizo clientelar que en nada vai favorecer á primeira infancia e que desde logo van pagar as súas familias.
Podes firmar a petición facendo clic aquí. Só tes que rexistrarte. Divulga por favor esta petición entre os teus contactos de correo e o teu contorno.
Moitas grazas.


Eu xa asinei!

martes, 5 de novembro de 2013

Óbidos, uma comunidade que aspira ao Conhecimento


Óbidos é unha fermosa vila medieval portuguesa  construída sobre un promontorio, sorprende polas súas ben conservadas murallas, o seu impoñente castelo e as súas empinadas e retorcidas rúas. Cunha poboación de aproximadamente 3 300 habitantes, está situada a uns 85 km ao norte de Lisboa.

No concello de Óbidos vénse desenvolvendo unha interesante actividade pedagóxica mediatizada pola influencia de Reggio Emilia a través dun proxecto de cooperación internacional, e concretada tanto na creación de equipamentos e escolas adaptadas  a unha nova concepción da infancia, como no esforzo de dotalos con profesionais –profesorado e outro persoal técnico- competentes e abertos para facer posible unha mellora das prácticas pedagóxicas baseada na creatividade e no respecto ás potencialidades das crianzas.
Habería que remontarse ao ano 2008, os municipios de Óbidos e Reggio Emilia estaban involucrados nunha rede URBACT chamada " Creative Clusters ", destinada á transferencia do "modelo de cidade creativa" ás zonas urbanas de baixa densidade. Tras o peche desta rede, ambas cidades deciden continuar co diálogo sobre a importancia de abordar o paradigma creativo, mostrando un sistema local de educación innovadora e creativa. Baixo este obxectivo principal, xurde en 2011 o proxecto  IDENTITY que é financiado polo Programa de Aprendizaxe Permanente da UE - Comenius Regio Partnership.

No ámbito educativo, Reggio Emilia é, desde hai anos, unha referencia a nivel mundial e Óbidos tamén se está convertendo nun activo mediante a aplicación de métodos avanzados no seu sistema de educación pública. A educación creativa proporciona unha poderosa ferramenta para axudar ao alumnado a desenvolver os seus coñecementos e habilidades que á súa vez son esenciais para o seu desenvolvemento creativo, intelectual, psicolóxico, social e académico. A educación significativa nas artes, nas humanidades e nas ciencias interpretativas fomenta o crecemento positivo e a adquisición de habilidades, que son esenciais para converterse en persoas adultas competentes no traballo e na comunidade. A asociación e colaboración entre Óbidos e Reggio Emilia diríxese a educadores de apoio, artistas, persoas expertas en educación, organizacións culturais, as familias e outros membros da comunidade nos seus esforzos para pór a creatividade no centro da educación.


luns, 4 de novembro de 2013

A formación inicial das e dos profesionais de atención á infancia desde a FP.

A educación das crianzas xa non é o que era. Mudou o contexto, mudou a realidade e mudaron tamén os termos cos que a designamos. As escolas infantís deixaron atrás a súa función puramente asistencial. Trátase agora de formar, de aprendermos xuntos e de converter a nenas e nenos no centro dese proceso. Por iso procede repensar aspectos como a concepción da infancia, a tipoloxía de centros, a importancia da participación das familias e da comunidade na vida escolar e, moi especialmente, o decisivo papel das profesionais e dos profesionais.
A importancia das/dos profesionais  que traballan nas escolas infantís é crucial. Nas súas mans está a posibilidade de establecer unha boa relación afectiva coas crianzas, que lles dea seguridade e lles permita explorar o mundo circundante, gañando en cotas de autonomía. Nas súas mans está o deseño duns espazos que habitarán diariamente as nenas e nenos, lugares cómodos, amables e estimulantes; deben tomar decisións sobre os materiais que encherán eses espazos: tipo, tamaño, accesibilidade; organizarán tamén os tempos, aproveitando os momentos de alimentación, hixiene ou descanso para desenvolver actividades educativas tan importantes como calquera outra das desenvolvidas na aula; acometerán o deseño e posta en práctica do plano de relación coas familias e farán propostas pedagóxicas adaptadas ás idades e capacidades das crianzas.
Pode asumirse todo este conxunto de responsabilidades sen unha axeitada cualificación? Parece evidente que non. A escola infantil precisa profesionais ben formadas/os pola importancia do traballo que nelas se desenvolve. 

Hai uns meses participei nas I Xornadas educaBarrié sobre experiencias de ciencia en educación infantil co propósito de por en valor a formación das e dos Técnicos/as superiores en educación infantil desde a análise das claves nas que se asenta a formación inicial das educadoras e educadores infantís como persoas con responsabilidades directamente educativas dentro das escolas infantís, estes días estamos tratando este tema nas aulas, aquí queda a presentación utilizada no relatorio:



domingo, 3 de novembro de 2013

Evolución lexislativa en educación infantil

No seguinte enlace podes acceder a unha liña do tempo na que estamos recollendo as principais normas legais que tiveron influencia sobre a educación infantil ao longo da historia.

Evolución lexislativa en educación infantil

Como poderás observar trátase das leis orgánicas que foron regulamentando a educación e os reais decretos e decretos que as desenvolveron e que afectan á educación infantil, xunto coas que regulan os estudos de Técnico/a superior de educación infantil. Tamén se incorporan outras normas que teñen relación como as relacionadas coa atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.