domingo, 10 de novembro de 2013

A importancia da calma afectiva no desenvolvemento infantil. O instituto Pikler (Lóczy)

Corría o ano 1986 cando caeu nas miñas mans un libro, recén publicado en español, co título La educación del niño de 0 a 3 años. Experiencia del instituto Lóczy, no que Myriam David e Geneviève Appel -coa colaboración de Emy Pikler e Judith Falk- nos achegaban ao fascinante mundo de Lóczy, desde entón, como un facho aceso que orienta os homes do mar nunha noite escura, a experiencia do orfanato húngaro sempre estivo presente e foi unha referencia á hora de intentar entender e explicar as claves do bo trato á infancia.

Pasaron os anos e no verán de 2008, como noutras ocasións, participei no Encontro Estatal de Educación Infantil que a Asociación de Mestres Rosa Sensat organiza en Barcelona, desta volta o título-tema era: A conquista da autonomía. Principios filosóficos e pedagóxicos do Instituto Pikler (Lóczy). Alí tiven a fortuna de coñecer e escoitar a Anna Tardos, a filla de Emy Pikler, que foi quen de entusiasmar e contaxiar a filosofía de traballodo Instituto Pikler aos centos de persoas relacionadas coa educación infantil que ateigabamos as instalacións de Cosmocaixa, lugar onde se celebraba o Encontro. E desde ese momento, a experiencia de Lóczy acompáñanos todos os anos nas primeiras semanas do curso, cando acollemos ás novas promocións de alumnas e alumnos que comezan os estudos do ciclo superior de educación infantil. A intención non é outra máis que tamén para elas e eles se converta nun facho que ilumine o seu camiño e lles permita entender a importancia da calma afectiva no desenvolvemento infantil.

Anna Tardos no Encontro Estatal de Educación Infantil (Barcelona, 2008)

Introdución á experiencia

A pediatra Emy Pikler fundou A casa dos nenos na rúa Lóczy (Budapest) no ano 1946, como un centro dedicado á atención á infancia con risco de exclusión social, reconvertindo un orfanato nun centro de investigación metodolóxica que ten entre as súas máximas un escrupuloso respecto aos dereitos das nenas e nenos. A súa tarefa foi seguida pola súa colaboradora a dra. Judit Falk e a súa filla Anna Tardos. 

Os principios básicos sobre os que se asenta a experiencia son:
  • O respecto á infancia. A consideración das nenas e nenos como persoas, como seres únicos que establecen relacións e que inflúen no que pasa no seu contorno inmediato e, precisamente polo antedito, o valor dunha atención o máis individualizada posíbel.
  • O valor da actividade autónoma  e do movemento, baseada na iniciativa da/o nena/o, actividade que xorde do seu propio interese proporcionándolle satisfacción e ansia de seguir explorando e relacionándose coa realidade na que vive. Deste principio despréndese a non interferencia por parte das persoas adultas e a posta en valor dun contexto estimulante e rico.
  • A pedagoxía da vida cotiá, pondo en valor as pequenas cousas. A comunicación verbal en todas as accións que as persoas adultas realizan sobre as pequenas/os. A suavidade dos xestos nos contactos. A solicitude de participación ao neno/a e a espera atenta de resposta e colaboración en todas as actividades cotiás: alimentación, hixiene, vestido, descanso, ...
  • A importancia da estabilidade afectiva como fonte de seguridade..
O instituto Lóczy ofrece ás nenas e nenos unha vida ordenada, baseada en longos tempos de actividade libre e xogo. Asemade, adoptou unha organización que coida dun xeito especial os momentos de atención ás necesidades básicas das crianzas (hixiene e xantar), considerados pezas clave dunha educación que se basea na interacción e o intercambio entre a persoa adulta e a crianza. O adecuado aproveitamento destes momentos levará a estruturar unha verdadeira relación afectiva de calidade. Segundo a filosofía de Lóczy o aproveitamento dos momentos nos que o bebé require da persoa adulta permitirá crear contornos seguros e ricos, espazos privilexiados para a transmisión da cultura e das experiencias afectivas, dando cabida a expresións delicadas e amorosas de comunicación.
Nada máis lonxe do ideario das profesionais de Lóczy que a educación infantil concibida como estimulación temperá, na que as persoas adultas perseguen as respostas das nenas e nenos para poder acelerar o seu desenvolvemento, anticipando aprendizaxes, o traballo das profesionais adáptase e axústase ao tempo e ao proceso de cada nena/o. As persoas adultas asumen o papel de acompañante que non xulgan e confían plenamente nas posibilidades das nenas e nenos.

Se algo preocupa dun xeito especial en Lóczy, iso é a calidade das relacións. As educadoras nunca teñen présa coa crianza e nunca están con ela sen falarlle (verbalizando o que se vai facer ou o que ve que está pasando). O feito de estar falando suponlles manterse concentradas no que está pasando na aula.

O establecemento do vínculo entre a crianza e a súa nai comeza desde antes do nacemento e baséase no amor que a nai sente por ela. Despois do nacemento os momentos de coincidencia supoñen pracer e ese pracer fortalece o sentimento de amor. Cando as crianzas entran na escola infantil a educadora ou educador non ten un plan de futuro afectivo con elas. O que vai haber é moitos momentos de interacción e contacto entre a educadora e as crianzas. E é así, coidando ás crianzas, como vai desenvolver unha empatía con elas. A través desa profesionalidade no coidado individual e estable, vaise producindo unha relación tamén de amor, mais sempre desde unha máxima clara: A nai coida á crianza porque a ama, pola súa banda a/o profesional chega a amar á crianza por outro camiño (a partir dos coidados...).


O espazo e o xogo son dous elementos que se planifican a conciencia, na busca da autonomía e do benestar das crianzas.

Algúns enlaces de interese

Existen grupos de traballo sobre a perspectiva Pikler-Lóczy en España, especialmente en Cataluña e Euskadi:



Ningún comentario: