sábado, 23 de novembro de 2013

Algúns criterios para recoñecer unha boa escola infantil

Identidade de etapa
A educación infantil constitúe unha etapa educativa con identidade propia que debería atender a nenas e nenos desde o nacemento ata os seis anos de idade, tendo entre as súas finalidades básicas a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e nenos. A importancia desta etapa radica en que é nos primeiros anos da vida cando se conforman os alicerces sobre os que progresivamente se irá construíndo a personalidade, a intelixencia, a socialización, a linguaxe e todas as demais áreas do desenvolvemento, e non hai desenvolvemento, nomeadamente desenvolvemento cognitivo, sen educación.

As/os nenas/os e as súas potencialidades como centro do proceso
A acción educativa desde as escolas infantís debe estar dirixida a que as nenas e nenos canalicen e desenvolvan as súas potencialidades no marco dun ambiente enriquecedor, ben deseñado e estruturado, da man de profesionais competentes.  Os avances científicos xunto coa loita de moitas e moitos profesionais e familias comprometidas co mundo da primeira infancia permitíronnos ir superando, cando menos desde o papel, a concepción asistencial da atención á primeira infancia, de xeito que conceptos como o de gardería foron deixando paso a outros como o de escola infantil. Agora ben, os conceptos que denominan os centros, con ser importantes, non o son todo e aínda queda moito camiño por percorrer para conseguir que todos os equipamentos que atenden a nenas e nenos nos primeiros anos das súas vidas sexan escolas infantís de calidade. Unha escola infantil nunca debería ser confundida cunha gardería, nin cun centro de instrución, nin cun preescolar concibido como preparatorio para outras etapas educativas, porén unha escola infantil é unha escola de vida.

Adaptación aos ritmos da infancia
Vivimos unha época na que proliferan experiencias baseadas na aceleración de determinadas esferas do desenvolvemento a través da (sobre)estimulación, esquecendo que, como nos teñen demostrado modelos como o de Lóczy, o desenvolvemento debe ser lento, adaptado ao ritmo individual de cada persoa, e que intentar que as nenas e nenos aprendan algo antes de que teñan madurado o suficiente é contraproducente. Así, a mellor escola non é aquela onde se ensina máis os nenos e nenas, senón aquela que proporciona máis oportunidades para as relacións sociais e cos obxectos, en suma aquela capaz de crear contextos enriquecedores.

Competencia das/dos profesionais
Unha escola infantil de calidade estrutúrase en torno a un equipo de profesionais competentes, persoas que desde un sólido coñecemento teórico saben observar as nenas e nenos e, a partir desa observación, son quen de canalizar todas as potencialidades do seu alumnado. Asemade, as escolas precisan de persoal educativo que enfronte o seu traballo desde a creatividade, superando o risco que temos os profesionais da educación en xeral e da educación infantil en particular de, a través do curriculum explícito ou do oculto, seguir as tendencias pedagóxicas que vivimos cando fomos alumnas e alumnos. As e os profesionais da escola infantil deben asemade sumar á súa boa formación determinadas cualidades persoais como a tolerancia, a capacidade de escoita, a empatía, o respecto pola diferenza ou a afectividade. 

O persoal educativo da escola infantil desenvolve funcións de formación e modelo de referencia para as nenas e nenos –tarefa compartida coa familia-, xunto coas de deseño, implementación e avaliación das propostas educativas.

Espazos axeitados
Un dos criterios que poderiamos aceptar para xulgar a calidade dunha escola infantil, xunto coa formación das e dos profesionais e as ratios, é o da dimensión dos espazos. O contorno é o terceiro mestre, despois da familia e as/os educadoras/es. Os espazos da escola infantil terán unha importante influencia sobre os procesos educativos que nela se desenvolvan, por iso deben ser deseñados e organizados pensando en que as nenas e nenos constrúen a súa consciencia mediante a interacción co contorno. O espazo debe permitir a acción das pequenas e pequenos, estas accións terán unha grande importancia no desenvolvemento pois son as primeiras formas de relacionarse coa realidade do ambiente. Espazos que desde a transparencia, o equilibrio estético e a diferenciación –recunchos, obradoiros, laboratorios-, proporcionen oportunidades para moverse e ir gañando autonomía. 

Proxecto compartido coas familias
A escola infantil comparte coa familia a tarefa educativa, complementando e ampliando as experiencias de desenvolvemento e aprendizaxe. Por iso é fundamental que se establezan liñas de traballo común e se potencie o esforzo educativo que ambas realizan en beneficio das nenas e nenos. Un bo proxecto educativo é aquel que procura a (co)participación das familias na vida do centro. Familias e equipo educativo traballando, en torno a un mesmo proxecto explícito e consensuado, de xeito cooperativo polo adecuado desenvolvemento das nenas e nenos que son as/os verdadeiras/os protagonistas nunha escola infantil de calidade.

Educación infantil: 6 anos clave para unha vida é un vídeo editado pola CEAPA (Confederación española de Asociaicións de Pais de Alumnas/os) que coa colaboración de profesionais da educación infantil, pretende ofrecer, ás nais e país, unha serie de reflexións e propostas prácticas para  poder elixir, con criterio, unha escola infantil de calidade para seus fillos e fillas. Nos seguintes enlaces podes visualizalo de xeito fraccionado e organizado polas temáticas que desenvolve.

Introdución



A importancia da etapa



A boa escola (I)



A boa escola (II)



As/os profesionais



Tempos e espazos



Materiais



Participación das familias



Epílogo




Máis información:


Ningún comentario: