O proxecto foi impulsado desde a Secretaría Xeral da
Igualdade, órgano administrativo do que dependían as escolas infantís. Constituíuse
un primeiro equipo de redacción coa intención de integrar a distintos sectores
relacionados coa educación infantil 0-3 desde diversas posicións iniciais,
tendendo a enriquecerse coa incorporación de persoas de recoñecido prestixio
que puidesen manifestar a súa disposición a colaborar neste proxecto. Aquel equipo
estivo formado por: Lois Ferradás, Xesús Ferreiro, Xesús Fortes, Arturo
Iglesias, Carmen Loriga, Gema Montero, Francisco Pérez, Goretti Sanmartín,
Carlos Santos e María Vilar. O obxectivo era que se fose ampliando coa
incorporación dalgunha representación de escolas infantís, representación dos
movementos de renovación pedagóxica, representación de persoal docente dos
Ciclos Superiores de Educación Infantil e das Facultades de Ciencias de
Educación, ...
Agora, cinco anos despois, recupero nesta entrada, con certa
nostalxia mais tamén cunha grande honra, as notas da proposta de traballo
emanada daquel equipo de redacción, do que para min foi un ilusionante proxecto
que, a pesar de terse visto truncado, é unha testemuña máis dos esforzos
realizados na loita por unha educación infantil de calidade que, desde os
valores do noso patrimonio lingüístico e cultural, puidese contribuír á
necesaria concientización e empoderamento das moitas persoas que desde o seu
seo viñan facendo -e así seguiron- un traballo de calidade ao tempo que supuña
unha posta en valor do ciclo educativo 0-3.
A necesidade de crear vencellos e compartir experiencias no
eido da educación infantil estaba na base daquel proxecto, que achaba no propio
persoal educativo das escolas mais tamén nas nais e pais das crianzas o seu
público obxectivo. Os contidos de ESPAZO CERO)TRES tiñan como principal
pretensión facer un retrato do que se estaba a facer nos centros, converténdose
nun medio de comunicación e posta en común e unha guía de aprendizaxe
colectiva.
O galego era a lingua vehicular da revista como tamén o era
da Rede Galega de Escolas Infantís. Sendo a educación en galego un dos eixes de
unidade da proposta das Galescolas, a revista nacía como un recurso máis á hora
de incidir na importancia que para a normalización do galego ten a competencia
lingüística dos futuros falantes. A revista pretendía contribuír tamén á
divulgación dun vocabulario específico da educación infantil en lingua galega
atendendo, nos seus contidos, á formación no idioma das crianzas.
A distribución de ESPAZO CERO)TRES, sería de balde podendo
atoparse nas escolas infantís, en lugares destacados de acceso público e,
segundo a súa tiraxe, podería chegar a ampliar o seu radio de acción a outros
centros relacionados directa ou indirectamente coa educación infantil.
A revista, da que só chegou a saír á luz o primeiro número,
optou por un deseño dinámico, sinxelo e novidoso, rachando, sobre todo, cos
estereotipos e tópicos na representación do mundo infantil. ESPAZO CERO)TRES
non pretendía ser unha revista para as crianzas, aínda que a súa presenza
concorrera en todas as súas páxinas. Ese dinamismo cifrábase ademais na
estrutura das seccións e na posibilidade dunha lectura rápida e atraente da
revista. No apartado gráfico apostouse pola ilustración e o debuxo tanto na
capa da revista como no seu interior, aceptando solucións intermedias derivadas
da intersección do debuxo e da fotografía, un elemento que estaría presente,
sobre todo, na documentación das actividades que se realizasen nos centros.
Os contidos de ESPAZO CERO)TRES pretendían adaptarse ás
necesidades de profesionais e familias, situando as crianzas como protagonistas
do proceso educativo, prevéndose oito grandes áreas temáticas:
A fondo / Coñecemento especializado
Temas de fondo de carácter pedagóxico ou global, a
desenvolver nas primeiras páxinas da revista, após un editorial de benvida. Por
medio dunha reportaxe de tese e documentada, acompañada de testemuños,
entrevistas e mesmo opinións, no A fondo a pretensión era ir debullando os
aspectos principais de realidades importantes no día a día das crianzas, pero
tamén do persoal das escolas infantís.
Na práctica / Experiencias
Fiestra aberta para o relato de actividades educativas
realizadas nas Escolas Infantís. Posta en común de iniciativas, propostas a
realizar e unidades didácticas e experiencias levadas ao cabo coas crianzas.
Documentación das actividades e ficha das mesmas. O persoal educativo era o
protagonista tendo unha palestra na que relatar o contido da actividade, como
se desenvolveu, as reaccións das cativas e cativos, os obxectivos, resultados e
competencias desenvolvidas.
Aula viva
ESPAZO CERO)TRES sería tamén o relato dun organismo vivo e o
signo dun novo tempo educativo. Documentar ese proceso, achegar a crónica dun
centro educativo que botaba a andar ou coñecer as características ou a historia
dun que levaba tempo funcionando, era outro dos obxectivos da revista.
O mundo en pequeno
Nesta área a revista pretendía achegarse a visións da
actualidade podendo abordarse temas relacionados coa saúde e a alimentación:
receitas para os comedores escolares; consellos sobre nutrición para nais, pais
e responsábeis da educación das crianzas; hábitos alimenticios e hábitos
saudábeis; o respecto ao medio ambiente; exercicios físicos adaptados ás
cativas e cativos; o deporte; a aplicación práctica de conceptos de psicoloxía
infantil; conciliación da vida laboral e familiar; entorno físico das nenas e
nenos nas aulas e nos fogares; a moda; consellos para o lecer; viaxar con
crianzas; seguridade no fogar, seguridade vial, etc…
En-Foco / Taboleiro de formación, novas e recursos
A formación permanente do persoal era, naquel momento, un
dos sinais identitarios da Rede Galega de Escolas Infantís. Por iso un dos
conxuntos temáticos da revista trataba de incidir na divulgación de congresos,
cursos, ciclos de conferencias, xornadas e seminarios dedicados ás nais, pais,
educadoras e educadores, programas europeos...
Biblioteca /
Recensións de recursos
Comentario e valoración de recursos xa existentes como
libros para as crianzas, películas, programas de televisión, CDs e DVDs,
anuncio de concertos didácticos, obras de teatro, sesións de cine ou obradoiros
artísticos programados para a infancia e comentarios de bibliografía
especializada.
Lapis de cor /
Creación
Abriuse unha liña de colaboración para recoller recursos
educativos realizados nas escolas infantís, que pretendían activar a posta en
común que supuña a revista, pero tamén contidos de creación que poderían chegar
da man de poetas, narradoras, debuxantes, así como do legado popular: cantos de
arrolo, adiviñas, cantigas, xogos, contos infantís, etc…
Bip Bip / Novas tecnoloxías (Contidos transversais)
Figurarían neste área comentarios de webs especializadas ou
con contidos adaptados ás crianzas; ligazóns a diferentes páxinas ou portais
vencellados á educación infantil, foros de educadores, sobre coidados infantís,
maternidade, paternidade… Esta sección tiña un carácter transversal, tentando
na medida do posíbel incidir nos diversos apartados da revista, de maneira que
un bip bip puidese figurar en calquera área da mesma, achegando unha visión dos
contidos desde as novas tecnoloxías.
Colaboracións
ESPAZO CERO)TRES ficaba asemade aberta ás colaboracións e
contribucións das nais e pais, das educadoras e educadores e tamén de nomes
procedentes da escrita (narración, poesía…) e da arte, dotando a revista de
contidos inéditos de carácter literario ou plástico, como xa se indicou no
apartado de recursos.
Este era o proxecto e o resultado do primeiro número aínda
está accesible na web, como ante calquera nacemento quedaba por diante un longo
camiño que permitiría o seu desenvolvemento e madurez, mais despois da luz e do
sol voltaron as nubes e o proxecto da revista, como tantos outros, quedou aparcado
previsiblemente para non volver ver a luz.
Desde aquí o meu recoñecemento persoal a todas as persoas
que tanto desde o equipo de redacción como desde as páxinas da revista fixeron
posible aquel soño compartido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario