A Revista Galega da Educación (RGE) iniciou a súa andaina no
ano 1986. Andaina é una fermosa palabra que daba nome a unha escola infantil
municipal que, cun proxecto educativo de gran valor e calado, funcionaba na
cidade da Coruña a finais dos anos 80 e principios dos 90, momentos nos que eu
comezaba a miña relación profesional co mundo da atención á primeira infancia,
a través da responsabilidade na formación dunha parte das profesionais que
desenvolven o seu traballo neste sector.
Eran aqueles (os anos 80-90), como quizais poidan ser os
actuais, tempos de cambios importantes a nivel sociopolítico que tiñan unha
correspondencia na situación da educación. Agardábase que a progresiva madurez
da democracia tivese repercusións nos diferentes ámbitos da sociedade e a
educación estaba especialmente necesitada da entrada de aire fresco, hai que
lembrar que a ditadura fixera todo o posíbel por controlar o sistema educativo,
sabedora do poder que o mesmo podía chegar a ter ao recaer nel a formación das
novas xeracións.
As expectativas de cambios reais e o compromiso de moitas e
moitos docentes co feito de que había que adoptar unha posición activa para
facilitar os mesmos, fixeron que distintos MRPs adquirisen un protagonismo
especial, liderando as propostas e favorecendo a confrontación de ideas e o
traballo en equipo. Aí estaba Nova Escola Galega (NEG) como un dos referentes da renovación
pedagóxica en Galicia. Como outros movementos de renovación pedagóxica, NEG
valeuse de diferentes instrumentos para levar adiante os seus ideais e así aos
cursos e Xornadas que organizaba, sumábanse os grupos de traballo, as escolas
de verán e, desde o ano 1986, a RGE.
Contar cunha revista destas características en Galicia foi e
segue a ser un privilexio que, como en tantas outras ocasións, non fomos quen
de valorar na súa xusta medida. Ao longo dos anos a revista foi sendo testemuña
dos cambios do sistema educativo e das alternancias dos mesmos, unhas veces
cara adiante e outras cara atrás.
Como noutras publicacións destas características é un
exercicio moi recomendábel revisar os editoriais que se ían publicando en cada
número e que nos permiten evocarmos e reconstruírmos os altibaixos do proceso
seguido no que era, e segue a ser, a loita polo ideal dunha escola pública e
laica, democrática e democratizadora, coeducadora e inclusiva, onde a nosa lingua
sexa considerada como un valor e na que se consiga unha progresiva actualización
dos perfís e das prácticas profesionais, superando as devastadoras
consecuencias de corenta anos de Sombras e de represións, revividas recentemente
a través do proxecto da LOMCE.
A RGE foi acompañando, desde unha posición crítica, o
deseño, a implantación e o desenvolvemento da reforma educativa da LOXSE e de
outras normas que tamén foron marcando a folla de ruta do sistema educativo no
noso país. E así, a carón de números dedicados a analizar a situación do
profesorado, da escola rural, das TICs, das familias ou do ensino en diferentes
materias, incluíndo os contidos transversais, foron aparecendo outros dedicados
dun xeito específico á análise dos diferentes tramos do sistema educativo:
- A reforma das ensinanzas medias (1987).
- A educación das persoas adultas (1991)
- A educación primaria (1993)
- A educación secundaria (1995)
Houbo que agardar ata o ano 1998 para atopar un número, o
31, dedicado á educación infantil. É
preciso destacar que o feito de que non tivese aparecido un número específico
non quería dicir que a revista non conectase en ocasións cos intereses das e
dos profesionais da primeira etapa do sistema educativo, cousa que acontecía
cando nos atopabamos cos números dedicados á globalización, ao xogo ou á
pedagoxía Freinet, e tamén cando as súas páxinas nos achegaban a experiencias
desenvolvidas nalgunha escola en particular (como a de Pantín) ou á evolución
do benquerido Programa Preescolar na Casa.
Mais, despois dunha longa espera, apareceu un número
dedicado á educación infantil que analizado con perspectiva histórica nos permite
ver cal era a percepción que a finais dos 90 existía sobre esta etapa
educativa.
A educación infantil constituírase como tal na LOXSE (1990).
Antes diso, ao longo dos anos, fóranse conformando experiencias de distinto
calado que pretendían dar resposta ás necesidades das nenas e nenos das
primeiras idades e das súas familias. A etapa estruturarase en dous ciclos,
mais o primeiro nunca chegou a integrarse plenamente na Consellería de Educación, quedando ligado
en Galicia á Consellería de Familia. Eran momentos nos que, pola indefinición
normativa, podiamos atopar neste ciclo, centros con proxectos educativos de
gran interese ao lado de moitos outros baseados unicamente na asistencialidade.
Mágoa que de moitas desas experiencias
non teña quedado unha pegada máis tanxíbel...
No número 31 da RGE reflectiuse unha visión da educación
infantil que estaba claramente escorada cara o segundo ciclo, recollendo os
seus artigos interesantes experiencias:
- Os tempos na educación infantil.
- Traballo por proxectos.
- Facer matemáticas na educación infantil.
- Lectura e escritura na aula de educación infantil.
- Xogando con imaxes na educación infantil.
- Taller de vídeo na educación infantil.
- Camiñando cara a autoavaliación.
Todas elas ligadas ao segundo ciclo, quedando para o primeiro un clarificador
encabezado dun dos apartados do artigo dedicado á análise da educación infantil
en Galicia, que se refería ao mesmo coas seguintes palabras: escaso, disperso,
precario e ignorado.
Certamente a realidade podía resumirse con ese titular, mais
non é menos certo que xa naqueles tempos se estaban a desenvolver interesantes
proxectos que de terse posto en valor, dándolles proxección e visibilización,
terían axudado a cambiar a percepción do primeiro ciclo, cando menos ao nivel
do público ao que ía dirixido a revista.
Unha das funcións que estivo e está chamada a cumprir a RGE
con respecto á educación infantil é a loita pola consecución no noso país dunha
estrutura, cando menos tan ambiciosa, como a que a propia LOXSE debuxaba nos
anos 90. Unha etapa distribuída en dous ciclos, mais unha única etapa educativa
que como tal debe estar en Educación.
Para chegar a conseguir iso, nun contexto como o que nos
movemos, faise preciso pór en valor o que pode ser, a priori, considerado como
o elemento máis feble, é dicir o primeiro ciclo que polas súas peculiaridades
–idades do alumnado, necesidades das familias, particularidades do persoal que
traballa nos centros, expectativas dunha gran parte da sociedade sobre as
funcións que debe cumprir...- precisa que se visibilicen as boas prácticas que
nel se veñen realizando. Esta visibilización contribuiría á súa vez á necesaria
“concientización” das moitas persoas que traballan nas escolas infantís e que
deben facerse conscientes do enorme valor do traballo que realizan e da
responsabilidade que comporta. E desde esa concienciación estaremos en
condicións de transmitir á sociedade -a través da nosa relación coas familias
no día a día nos centros, participando en foros de debate educativo, publicando
as nosas experiencias, avances e dúbidas en diversos medios,...- a importancia
do noso traballo, conseguindo así os apoios necesarios para facer realidade a
nosa particular utopía.
Pasaron 15 anos e 25 números da RGE, cun parón na súa
publicación de cinco anos entre o 2000 e o 2005, polo medio vivimos importantes
momentos como a posta en funcionamento das galescolas, a elaboración e
aprobación dun currículo que contempla ao primeiro ciclo equiparando o seu
valor ao do segundo, o intento de por en funcionamento un Plan de formación
para o persoal das escolas infantís 0-3 –dado que este non pode participar nas
actividades organizadas desde a Consellería de Educación-, a organización de
diversos Congresos de EI 0-3, a saída á luz dunha revista pedagóxica do 0-3, a
busca de acordos con distintas editoriais para a publicación de materiais en
lingua galega que puidesen chegar ás escolas infantís..., algúns deles tiveron
continuidade no tempo e outros foron superados polos condicionantes que todos
coñecemos.
E agora, coa publicación desde número sáldase unha débeda
histórica co primeiro ciclo da educación infantil. Xa temos o noso agardado
lugar nas portadas da RGE, confiemos en que sexa so o principio... Os meus
parabéns a Suso Ferreiro polo seu traballo na coordinación da revista e á RGE
pola súa importante contribución ao longo de todos estes anos á renovación
pedagóxica no noso país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario