Ante a aprobación, co único apoio do PP, polo pleno do
Senado do proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)
reproduzo un artigo que escribín no pasado mes de abril para o suplemento A Fondo de
Sermos Galiza dedicado á LOMCE:
Nos últimos meses fixéronse públicas as bases da LOMCE, unha
reforma fondamente ideoloxizada, presentada sen a máis mínima vontade de
consenso, nun momento marcado pola inestabilidade socioeconómica e a emerxencia
das teses neoliberais, que nos levará a retroceder a situacións pasadas que xa
dabamos por completamente superadas.
Nun momento como este procede unha reflexión crítica sobre
como se pretende que quede estruturado o sistema educativo coa nova lei e para
iso non nos queda máis que acudirmos aos borradores que sobre a mesma se teñen
presentado. Da súa análise constátase que, a pesares do que cabería presaxiar
polos anuncios que se viñeron facendo, non se aprecian cambios substanciais na
estrutura xeral do sistema que queda configurado nas mesmas etapas que no seu
día propuxera a LOXSE e que non son outras que a educación infantil, a
educación primaria, a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a
formación profesional.
Os cambios comezan a emerxer cando se afonda un pouco máis
no seguinte nivel de estruturación e así, deixando a un lado a educación
infantil da que non hai mencións explícitas, na educación primaria apréciase a
desaparición da organización por ciclos dentro da etapa, presente desde a lei
do 70, restaurándose a estruturación por cursos. A etapa da educación
secundaria obrigatoria tamén verá modificada a súa estrutura quedando dividida
en dous ciclos, o primeiro que abarca os tres primeiros cursos e o segundo, dun
so ano de duración, que obrigará ao alumnado a elixir entre unha vía académica
para a iniciación ao bacharelato e outra aplicada para a iniciación á FP.
Trátase dunha elección que, sen ter demostrado efectividade nos países que a
teñen aplicado, vai levar asociada a segregación dunha parte da poboación –na
súa maioría procedente dos contextos máis desfavorecidos- do tronco común da
súa formación. Iso si, permitirá disfrazar as cifras do fracaso escolar. O
bacharelato mantén a súa estrutura en dous cursos, propoñéndose catro
modalidades: Ciencias, Humanidades, Ciencias Sociais e Artes. Polo que respecta
á formación profesional constátase unha desvalorización da mesma como
consecuencia da (s-)elección que se produce na ESO, mediante uns itinerarios
que levan asociada a eliminación da ensinanza comprensiva e a consecuente
segregación temperán do alumnado; ao mesmo tempo, anúnciase a “importación” do
modelo xermano da FP dual, sen ter en conta que o binomio formación-emprego
está directamente relacionado coa oferta laboral e coas características do
tecido empresarial, moi diferente no noso contexto do que poida existir en
Alemaña.
En substitución do sistema de avaliación diagnóstica que se
viña aplicando en distintos momentos (finais do segundo ciclo de primaria e
finais de segundo de ESO) e que tiñan como función obter datos representativos,
tanto do alumnado e dos centros das Comunidades Autónomas como do conxunto do
Estado, proponse unha avaliación censal que non agacha as súas intencións clasificatorias,
selectivas e segregadoras. A realización material das probas corresponderá ás
Administracións educativas e, aínda que terán lugar nos centros docentes do
alumnado, serán aplicadas e cualificadas por profesorado externo aos mesmos o
que supón un claro menosprezo á profesionalidade do profesorado que traballa no
día a día das aulas. Trátase da recuperación das “reválidas”, superadas pola
lei do 70. A de final de primaria, que non terá carácter eliminatorio aínda que
o resultado da mesma constará nun informe que será entregado ás familias e ao
centro de destino, e as de final de secundaria e bacharelato que condicionarán
a obtención da correspondente titulación, conducindo en caso de non superalas a
un dique seco no que haberá que agardar a novas convocatorias. Sorprende, por
moitos motivos, a inclusión dunha medida deste tipo, máxime nun momento no que
se fai bandeira co aforro e a austeridade, onde encaixa o custo dun sistema de
avaliación externa como o que se está a propor?
Nun contexto como o que estamos a describir, cando é notorio
que temos unhas taxas de fracaso e abandono escolar preocupantes, cabería
preguntarse cales son as previsións estruturais para a atención á diversidade. Neste
eido constatamos con preocupación a substitución dos Programas de
diversificación curricular, concibidos para chegar ao título por unha vía
alternativa naqueles casos nos que as circunstancias así o esixían, por uns
Programas de mellora das aprendizaxes e o rendemento no primeiro ciclo, dirixidos
ao alumnado que despois de ter repetido algún curso, e unha vez cursado 1º ou
2º da ESO, non estea en condicións de promocionar ao seguinte nivel. A gran
novidade é que, co novo ordenamento, o cuarto curso deberá facerse pola vía
ordinaria o que nos fai dubidar da súa efectividade para que o alumnado
participante nos mesmos estea en condición de acadar o título. Por outra banda,
o alumnado que non se atope en condicións de acadar o adecuado nivel na
consecución das competencias básicas, poderá ser derivado cara a Formación
Profesional Básica que se aventura como un novo mecanismo de
"exclusión" das alumnas e alumnos con máis necesidades ao non
conducir á obtención do título de ESO, senón á FP de grao medio despois de ter
superada unha proba de acceso a diferenza dos .
Así as cousas, estamos ante unha Lei deseñada sen unha
avaliación seria da realidade existente, baseada no autoritarismo derivado da
maioría parlamentar, que ignora ao profesorado e parte dun modelo educativo
rancio e conservador propio da escola do pasado, esquecendo o respecto pola
diversidade e consolidando principios segregadores que beneficiarán ás clases
altas e castigarán ás clases populares.
Manifesto contra a LOMCE da Plataforma galega en defensa do ensino público
A educación que vivimos Reflexións críticas ante a nova lei de educación. Presentación utilizada no relatorio do mesmo nome desenvolvido na Xornada sobre o Sistema Educativo na LOMCE organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG o 12 de xaneiro de 2013 en Santiago de Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario